A Xunta licita as obras de ampliación da rede de saneamento de Coirós cun investimento de 808.000 €

Executaranse 16 novos tramos de colectores e unha estación de bombeo para sanear os núcleos de Agra-Figueiras, en Santa Mariña de Lesa, e de Colantres e Queirís, conectando estas novas redes de saneamento coas xa existentes

A Xunta achegará o 80% do orzamento e executará as obras, mentres o Concello de Coirós contribuirá co 20% restante

Os traballos, aos que as empresas interesadas poden presentar ofertas ata o 13 de decembro, teñen un prazo de execución de oito meses e serán financiados con fondos europeos do eixe REACT UE de resposta fronte á pandemia

 

Coirós, (A Coruña), 12 de novembro de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Coirós, Francisco Quintenla, informou que a Xunta publicou hoxe a licitación, na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, das obras de ampliación da rede de saneamento do municipio, cun investimento de 808.114 euros. O prazo para a presentación de ofertas por parte das empresas interesadas será ata o vindeiro 13 de decembro.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, cofinanciará a actuación ademais de levar a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras. O Concello de Coirós tamén contribuirá ao financiamento ademais de asumir a realización das xestións pertinentes para posibilitar a execución das obras, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

Os traballos teñen un prazo de execución de oito meses e serán financiados pola Unión Europea, no marco do eixe REACT UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19.

A poboación en todo o termo municipal de Coirós atópase dispersa en pequenos núcleos. Na actualidade existe unha rede de saneamento en Agra-Figueiras, Colantres e Queirís que non cobre a totalidade dos núcleos, limitándose, esencialmente, á marxe esquerda da estrada N-VI en sentido A Coruña. Ademais, conta con estacións de depuración de augas residuais nos núcleos de Colantres e de Queirís, onde se conectarán os novos colectores deses núcleos; así como cunha terceira depuradora de augas residuais no núcleo de Merille á cal se conectará a rede de saneamento de Agra-Figueiras.

A actuación prevista contempla que Augas de Galicia execute as obras necesarias para sanear os núcleos de Agra-Figueiras, en Santa Mariña de Lesa, e de Colantres e Queirís, na parroquia de San Salvador de Colantres, conectando estas novas redes de saneamento coas xa existentes. A intervención proxectada céntrase na ampliación da rede de saneamento en Coirós, para o que se prevé a execución de 16 novos tramos de colectores, con diámetro 250 mm. Tamén se prevé a construción dunha estación de bombeo para recoller e impulsar as augas residuais urbanas de Agra-Figueiras.

Con estas obras darase servizo a unha poboación total futura de 509 habitantes no horizonte de 2043.

Trenor subliñou que este tipo de actuacións o Goberno galego mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz as súas responsabilidades nos servizos de saneamento, depuración e abastecemento, e continuar mellorando a calidade de vida da poboación galega no medio rural.
 

Imaxes relacionadas