A Xunta culmina a promoción do Xacobeo 21-22 en Italia cunha presentación en Milán

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe en Milán na segunda das presentacións do destino Galicia e da celebración do Ano Santo en Italia, tralo acto do martes en Roma

Italia é o segundo país de onde proceden máis peregrinos estranxeiros, só por detrás de Portugal

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2021

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na Fondazione Giangiacomo Feltrinell de Milán na segunda das presentacións da celebración do Xacobeo 21-22 en Italia con autoridades, empresarios e prensa especializada do país, logo do acto do martes no Palacio de Exposicións de Roma.
Ao acto tamén asistiron o cónsul de España en Milán, Eduardo Alonso, a directora do Instituto Cervantes en Italia, Teresa Orozco, a conselleira de Turismo da rexión de Milán, Lara Magoni e do presidente do Clúster de Turismo, Cesáreo Pardal, ademais de preto dun cento de profesionais do sector da turoperación italiana.
Nava Castro destacou a importancia da promoción a nivel internacional do Ano Santo para reactivar a chegada de peregrinos estranxeiros o próximo ano. Nesta liña, incidiu en que Italia é o segundo país de onde proceden máis peregrinos estranxeiros, só por detrás de Portugal. Máis de 30.000 italianos percorreron o Camiño de Santiago en 2019 e no que vai de ano xa son máis de 7.000, un 4,3% do total de peregrinos que recolleron a Compostela.