Con motivo do Día das Librarías, que se conmemora hoxe, o conselleiro de Cultura visita o establecemento Soños de Papel, en Lugo

Román Rodríguez salienta a gran resposta das librarías ao Bono Cultura da Xunta con case 300 adhesións

Agradece a contribución destes profesionais á reactivación do sector cultural

Galicia é a comunidade con máis librarías por habitante de España, segundo o último informe da Confederación Española de Gremios e Asociacións de Libreiros
 

Lugo, 11 de novembro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, salientou hoxe a contribución que as librerías están a ter á hora de reactivar progresivamente o sector cultural achegando desde os seus establecementos a literatura ao gran público.

Con motivo do Día das Librarías, que se conmemora hoxe, o titular de Cultura da Xunta visitou en Lugo Soños de Papel, un dos establecementos adheridos ao Bono Cultura, a iniciativa de descontos en produtos e servizos culturais posta en marcha polo Goberno autonómico neste outono para incentivar o consumo e apoiar o sector.

Salientou a boa resposta deste tipo de establecementos á iniciativa, xa que do máis de medio milleiro de entidades e negocios culturais adheridos de toda Galicia, preto de 300 son librerías nas que se poden desfrutar os descontos do 50% que ofrece o Bono Cultura. Animou aos profesionais a seguir sumándose a esta campaña, á que poden continuar adheríndose ata o 18 de novembro, mentres que os galegos que xa teñen o seu bono poden gozar dos seus descontos ata o 31 de decembro.

Apoio para a divulgación

Durante a súa visita, Román Rodríguez salientou “esforzo e traballo constante” que están a facer todas as librarías por achegar a literatura ao público. Neste sentido, o conselleiro lembrou que a Xunta de Galicia leva anos apoiando ao sector para promover as actividades nos seus establecementos, así como para levar a cabo actos de difusión dos libros e a lectura a través da súas páxinas webs ou redes sociais.

Puxo de manifesto o papel que as librerías galegas teñen no conxunto de España. Así, segundo o último informe da Confederación Española de Gremios e Asociacións de Libreiros, Cegal, Galicia é a comunidade con máis librarías por habitante. De feito, con 11 librarías por cada 100.000 habitantes, Galicia sitúase á cabeza entre todas as comunidades autónomas.
 

Imaxes relacionadas