A Xunta leva a Lugo a mostra 'Percorrer o tempo', que transforma contedores de barco en salas de proxección con obras audiovisuais sobre o Camiño

O secretario xeral de Cultura participou hoxe na apertura da exposición itinerante, que pode verse na Praza Horta do Seminario ata o 10 de xaneiro
 

Conta co apoio da Fundación “la Caixa”, no marco da programación cultural posta en marcha polo Goberno autonómico co gallo do Xacobeo 21-22

Participan creadores audiovisuais de percorrido nacional e internacional, entre os que figuran un Premio Nacional de fotografía e varios membros da Axencia Magnum

Lugo, 11 de novembro de 2021

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe en Lugo a mostra itinerante Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño. A través de contedores de barco convertidos en salas de exhibición, a iniciativa achega diversas perspectivas das rutas xacobeas a través da ollada de dez artistas de primeiro nivel do eido fotográfico e audiovisual, tanto emerxentes como consolidados. Así, figuran profesionais como a presidenta da Axencia Magnum, Olivia Arthur, ou a Premio Nacional de Fotografía, Cristina de Middel, entre outros.

Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, salientou o “enfoque poliédrico e contemporáneo do Camiño” que ofrece a mostra, ademais dunha “concepción ampla do propio feito de camiñar, desde o percorrido do territorio ata a peregrinación”. Destacou tamén o grupo “diverso e paritario que conforman os artistas, dunha xeración nova pero con longa traxectoria, que dá como resultado unha nova ollada audaz e orixinal, con achegas moi diversas”. A mostra conta co apoio da Fundación “la Caixa” no marco da programación cultural do Xacobeo 21-22 e no acto, entre outros representantes, participou a coordinadora de Institucións de Caixabank en Galicia, María Jesús García.

Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño exhibe traballos de fotografía e vídeo en seis grandes contedores de barco, dos que un serve como punto de información e os seis restantes como salas de exhibición. Segundo indicou o secretario xeral de Cultura, “o percorrido entre contedores e contidos quere reflectir a propia viaxe dos artistas para a realización dos proxectos, así como o transitar do Camiño”. A mostra permanecerá na Praza Horta do Seminario ata o 10 de xaneiro.

Na iniciativa participan artistas de Galicia, como Carla Andrade, Luis Díaz Díaz, Iván Nespereira, Bandia Ribeira e Lúa Ribeira, xunto a profesionais de fóra que representan os diferentes Camiños e enlaces con outras rutas históricas. Así, figuran tamén a inglesa Olivia Arthur, presidenta da Axencia Magnum; o portugués André Cepeda, o francés Michel Le Belhomme, a alacantina Cristina de Middel, que foi Premio Nacional de Fotografía, e o xienense Miguel Ángel Tornero. O docente e artista visual Nicolás Combarro é o comisario da mostra.

Actividades con Le Belhomme e Tornero

O acto de inauguración complétase co desenvolvemento dun obradoiro, na tarde de hoxe e de mañá, e cunha conferencia, hoxe ás 20,00 horas, impartidos por Michel Le Belhomme e Miguel Ángel Tornero. Ambas actividades terán lugar na Biblioteca xestionada pola Xunta en Lugo.

Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño arrincou na Coruña o pasado setembro, onde permaneceu ata este mes. Tras o seu paso por Lugo, continuará o seu percorrido por Ourense, Vigo e Santiago nunha itinerancia que remata en xullo de 2022.

Imaxes relacionadas