Máis de 27.400 pacientes oncolóxicos benefícianse en Galicia do acordo en materia de asistencia sanitaria entre a Xunta e a Fundación Amancio Ortega

Foron tratados con nove aceleradores lineais financiados polo convenio asinado no 2015 entre Xunta e Fundación, que se completará no vindeiro mes coa entrada en funcionamento dun décimo acelerador na área sanitaria de Vigo

O acordo entre estas dúas institucións posibilitou, tamén, a realización de preto de 295.000 mamografías, cos 16 equipos financiados pola Fundación Amancio Ortega

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anuncia que se está a instalar na Fundación Pública de Medicina Xenómica un novo equipo de secuenciación masiva adquirido tamén grazas á colaboración desta Fundación

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, vén de sinalar hoxe, no Parlamento de Galicia, en resposta a unha pregunta dun dos grupos da Cámara, que máis de 27.400 pacientes con 55 patoloxías diferentes de enfermidades oncolóxicas beneficiáronse do tratamento dos nove aceleradores lineais instalados nos servizos de radioterapia dos hospitais do Sergas, no marco do convenio asinado pola Xunta no ano 2015, en materia sanitaria, coa Fundación Amancio Ortega. Este acordo contempla a adquisición e instalación dun total de dez destes aparellos e a actualización de dous xa existentes.
Precisamente o vindeiro mes de decembro, -dixo o conselleiro-, está prevista a entrada en funcionamento do último acelerador dese contrato, que se emprazará na área sanitaria de Vigo.
García Comesaña destacou que, dos nove aceleradores xa instalados, levouse a cabo unha monitorización da dispoñibilidade dos equipos durante o seu horario de actividade, obténdose unha media dun 99,20%. É dicir, -remarcou o conselleiro-, “estiveron sen actividade menos do 1% do total do seu horario programado”.
O titular da carteira sanitaria do Executivo galego sinalou, así mesmo, que doutro lote do contrato que financiou a Fundación Amancio Ortega, composto por un total de 16 equipos de mamografía, catro deles están destinados ao programa de cribado de cancro de mama; sete están instalados nos hospitais comarcais, compartindo uso entre cribado e diagnóstico hospitalario; e outros cinco dedícanse ao diagnóstico hospitalario. Tal e como remarcou o conselleiro, estes 16 equipos realizaron, no período 2015-2020, un total de 294.708 mamografías.

Novo equipo de secuenciación masiva de ADN

Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o conselleiro dixo que, en maio do pasado ano, a Xunta asinou un novo convenio coa Fundación Amancio Ortega, para a adquisición e servizo de mantemento, por un período de cinco anos, dun novo equipo de secuenciación masiva de ADN destinado á Fundación Pública de Medicina Xenómica. O contrato vén de ser adxudicado e formalizado por un importe de 1,4 millóns de euros. Medicina Xenómica xa recibiu este secuenciador, -proseguiu o conselleiro-, que se está a instalar para dar inicio ao seu funcionamento en breve prazo.
O conselleiro aludiu ao cumprimento dun acordo parlamentario aprobado no ano 2018 que instaba á Xunta a fomentar as “accións de mecenado que redunden nunha mellora no servizo ao paciente” sempre “de xeito complementario” ao investimento público. Nese sentido explicou que, ademais desta achega da Fundación Amancio Ortega, os recursos que recibe Medicina Xenómica directamente da Xunta duplicáronse dende o comezo da lexislatura, pasando de 3,4 millóns aos sete que terá no próximo ano, establecéndose, deste xeito, “unha complementariedade entre o mecenado e os recursos públicos que posibilitará reducir de forma inmediata os tempos e custes de moitas probas necesarias para o diagnóstico xenético con todas as garantías”, -remarcou García Comesaña-.

Imaxes relacionadas