O xerente do Sergas reúnese con asociacións de pacientes e familiares de persoas con enfermidade mental para informarlles do plan de calidade previsto para o Hospital Psiquiátrico de Conxo

O departamento sanitario galego comprométese a realizar estas reunións de xeito periódico, para dar a coñecer e coordinar os avances no plan de calidade

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2021

O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores Arias, acompañado da xefa de servizo de Saúde Mental do Sergas, María Tajes Alonso, e da directora de procesos da área sanitaria de Santiago, Fernanda López Crecente, reuníronse hoxe cos representantes de asociacións de pacientes e familiares de persoas con enfermidade mental e discapacidade intelectual, para informarlles do contido das recomendacións formuladas pola institución Defensor del Pueblo para o Hospital Psiquiátrico de Conxo, e das accións previstas pola administración sanitaria galega para este centro, entre as que se atopa un plan de calidade.
Na reunión, os representantes do Sergas recolleron suxestións e adquiriron o compromiso de dar continuidade a estas reunións para introducir a perspectiva e necesidades dos pacientes neste plan.
Informouse, así mesmo, da evolución do programa sociosanitario recentemente instaurado, para o que se contratou un psiquiatra e persoal de enfermería, o cal foi percibido como necesario e adecuado polas asociacións presentes.

Imaxes relacionadas