A Xunta dota a Ourense do primeiro Living Lab para desenvolver iniciativas innovadoras no eido hospitalario

Seis entidades galegas asinan convenios co Sergas para desenvolver proxectos innovadores no CHUO

As instalacións do hospital ourensá emprazarán o ensaio de solucións innovadoras para a atención de pacientes maiores, crónicos ou pluripatolóxicos

Ourense, 9 de novembro de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asinou esta mañá senllos convenios de colaboración con seis entidades galegas empresariais e de investigación que dotarán ao Hospital Universitario de Ourense do primeiro Living Lab da nosa comunidade, no que se desenvolverán proxectos innovadores dentro do ámbito sanitario.
Na compaña do xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, Félix Rubial; o xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández-Campa; e a xefa territorial da Consellería de Sanidade en Ourense, Laura López del Castillo; o titular de Sanidade destacou a aposta do Executivo galego por converter a Ourense nun referente da innovación sanitaria.
A sinatura dos convenios posibilitará que os equipos profesionais de seis entidades galegas comecen a desenvolver cadanseu proxecto vencellado ao ámbito da innovación. Así, as instalacións do hospital ourensá emprazarán o ensaio de solucións innovadoras, destinadas á atención de pacientes maiores, crónicos ou pluripatolóxicos.
O CHUO contará desde agora cunha contorna para a creación de solucións innovadoras dentro do propio hospital, e coa que se achegará a innovación sanitaria ás demandas dos usuarios.
O conselleiro de Sanidade, apuntou que “os proxectos destas empresas van permitir maximizar os beneficios clínicos para os pacientes”. Así, puxo en valor que “todas elas van ter unha oportunidade é, ao mesmo tempo, unha responsabilidade: poder desenvolver as súas solucións innovadoras en contacto directo co persoal clínico, cos pacientes e coas súas familias, ao participar dun xeito activo no ensaio destas fórmulas”.
Nomeadamente, a sociedade Custom Implants traballará no proxecto CI3D de fabricación de implantes a medida en casos de politraumatismo, mediante o uso da impresión 3D.

A sociedade Psicología Virtual, desenvolverá o proxecto HomeworksRehab, no que se empregará a realidade virtual para a rehabilitación de pacientes con dano cerebral.

Pola súa banda, o equipo de rehabilitación Axón, utilizará a sala de estimulación multisensorial do CHUO para probar o seu proxecto SEMDA de terapia en pacientes maiores.

A spin-off Lincbiotech, que se achega desde o veciño Parque Tecnolóxico de Galicia, implemetará a iniciativa Minerva de procesado de imaxe neurolóxica para axudar aos diagnósticos de ictus e alzheimer.

Ademais, a spin-off Qubiotech, porá en marcha o proxecto Neuroquant, co obxecto de identificar biomarcadores na imaxe diagnóstica que permitan detectar de xeito precoz enfermidades neurodexenerativas.

Por último, a compañía Plexus vai deseñar, con pacientes e profesionais, un asistente virtual que facilite unha maior independencia e un envellecemento máis activo de pacientes con enfermidades neurodexenerativas, ao facer seguimento e control das súas rutinas.


Mellora continua do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense

O responsable da carteira sanitaria da Xunta destacou que o desenvolvemento do CHUO continuará avanzando durante os próximos meses, coa intención de sacar o máximo rendemento as súas instalacións e garantir a mellor calidad asistencial posible.

Así, desgranou que o Executivo galego adxudicará no presente ano a obra dun novo edificio. Ademais, de acometer proximamante as reformas da unidade de medicina nuclear, o materno-infantil ou da Unidade de Coidados Intensivos. O apartado de infraestruturas complétao o orzamento comprometido para o vindeiro ano, e co que se licitarán os proxectos dos novos edificios ambulatorio e administrativo. No que atinxe ao equipamento, destaca a dotación dun novo PET, mentres se renovan os aceleradores lineais ou os TAC.

Galicia protagonista destacada da innovación sanitaria

O sistema sanitario público galego conta xa cunha ampla traxectoria no eido da innovación. Así, iniciativas semellantes ao novo Living Lab de Ourense xa foron obxecto de recoñecemento a nivel nacional e comunitario.

Neste senso, a vindeira semana a Consellería de Sanidade recollerá o Premio da revista New Medical Economics co que se distingue a Galicia como a Comunidade coa actividade sanitaria máis innovadora. Ademais, recentemente vén de ser nomeada finalista dos Premios europeos de Adquisicións en innovacións.

Estes recoñecementos engádense ao recibido no ano 2019 por parte da Comisión Europea, na que se acreditaba a Galicia como rexión de referencia no desenvolvemento de prácticas innovadoras para o envellecemento activo ou o Premio Nacional de Innovación no ano 2013.

Así, a traxectoria do sistema sanitario público galego posibilita que o Consello Superior de Investigacións Ciéntificas escollese a Galicia este ano para ser a primeira comunidade autónoma en unirse a un proxecto Living Lab de compra pública a nivel nacional.

Imaxes relacionadas