Lete Lasa lembra “o camiño de éxitos do Celta Zorka“ no seu desafío de regresar á máxima división nacional

Ratifica a aposta da Xunta polo deporte feminino como demostra o Plan de Patrocinio dos equipos de alta competición femininos que pasa, na súa segunda convocatoria de 150.000 euros a máis de 250.000 e de 9 equipos patrocinados, a 26, sendo un deles o Celta

Vigo, 8 de novembro de 2021

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias, participou na presentación do Celta Zorka Recalvi para a temporada 2021/2022 na que marcha en sétima posición na Liga Feminina Challenge, unha nova categoría intermedia entre a Liga Feminina 2 e a máxima división do baloncesto feminino nacional, a Liga Feminina Endesa.
Precisamente, nese desafío do Club Deportivo Bosco de regresar á maior categoría nacional, o secretario xeral lembrou algúns dos fitos do club desde a fundación do mesmo a finais dos 60 como as súas tres Copas da Raíña gañadas de xeito consecutivo ou as súas cinco ligas, así como os nomes de grandes xogadoras e pioneiras como Ángeles Liboreiro, Susana García, Ángeles Araujo, Piluca Alonso ou Marisol Paíno. Lete Lasa tamén destacou a Maribel Lorenzo, a primeira xogadora galega que ingresa no Hall of Fame español e que foi capitá do Celta que gañou a Liga no ano 77. “Todos estes logros falan dun camiño de éxito, que de seguro volveredes a transitar para acadar ese ansiado regreso á máxima división nacional”, dixo.
O mandatario galego tamén ratificou a aposta da Xunta de Galicia polo deporte feminino como demostra o Plan de Patrocinio contra a violencia de xénero dos equipos de alta competición femininos de 1º e 2º máximo nivel estatal de Galicia 2021 que pasa, na súa segunda convocatoria de 150.000 euros a máis de 250.000 e de 9 equipos patrocinados, a 26, sendo un deles o Celta Zorka Recalvi.
Neste sentido agradeceu tamén o traballo e o apoio da iniciativa privada que no caso do Celta, conta con grandes patrocinadores como Zorka, Recalvi, Grupo Cenxa ou Grupo CDC.
 

Imaxes relacionadas