Lete Lasa reivindica o peso do deporte galego no contexto nacional e reclama maiores fondos ao CSD

Galicia é a primeira comunidade autónoma en programas de tecnificación estatais (9), a quinta en centros de tecnificación (3), a terceira en programas olímpicos e paralímpicos, a quinta con maior poboación ou a sexta en número de licenzas deportivas en centros (58.296) e en programas de tecnificación autonómicos (12)

Santiago, 8 de novembro de 2021

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe na Conferencia Sectorial de Deportes convocada polo Consejo Superior de Deportes na que se procedeu á aprobación dos criterios de reparto para os fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia correspondentes ao proxecto ‘Modernización das instalacións deportivas. Plan enerxía deporte 2.0’.
Este plan ten por obxecto a modernización das infraestruturas deportivas creadas nos tres centros de alto rendemento deportivo e da rede de centros existente nas comunidades autónomas a través do proxecto Plan Enerxía 2.0. Deste xeito preténdese acadar a través desta medida alomenos a consecución de 54 proxectos de mellora mediante a eficiencia enerxética. A dotación total do plan ascende a 75 millóns de euros.
Lete Lasa cualificou de “insuficiente” a achega que recibe Galicia na anualidade de 2021 de 1,79 millóns de euros, sendo a novena comunidade española segundo a contía recibida. A Xunta considera esta situación como un agravio para Galicia como así llo fixo saber o secretario xeral para o Deporte ao presidente do CSD, José Manuel Franco, na reunión mantida hai tres semanas, cuestión na que insistiu no día de hoxe ante o ministro de Cultura e Deporte, Miquel Iceta. Ademais, a Secretaria Xeral para o Deporte remitiu unha carta ao CSD alegando os motivos polos que Galicia debería recibir unha contía superior.
Entre estes motivos cómpre salientar que, Galicia é a primeira comunidade autónoma en programas de tecnificación estatais (9), a quinta en centros de tecnificación (3), a terceira en programas olímpicos e paralímpicos, a quinta con maior poboación ou a sexta en número de licenzas deportivas en centros (58.296) e en programas de tecnificación autonómicos (12).
Deste xeito, o Goberno galego entende que a contía que debería recibir neste aspecto, atendendo aos criterios anteiormente citados e a súa posición no contexto nacional, sería de máis de 3 millóns de euros, o dobre do que recibe actualmente, polo que reclama unha maior atención á realidade galega nos vindeiros repartos de fondos.
Nembargante, neste intre, a Secretaría Xeral estuda como optimizar do mellor xeito posible os 1,79 millóns de euros nos centros de tecnificación deportiva en Pontevedra, de piragüismo en Pontillón do Castro e da vela en Vilagarcía de Arousa.