Galicia presenta na COP26 as liñas mestras da futura Lei do clima co reto de acadar a neutralidade climática

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, participou na Asemblea da Coalición Under2 e reuniuse con representantes de rexións deste grupo co obxectivo de enriquecer a norma galega coas súas achegas e experiencia

Na súa intervención no Encontro de membros europeos, avanzou o contido da Lei e salientou que “Galicia pode e quere ser parte da solución ao problema do cambio climático e ser un actor destacado a nivel nacional e internacional”

A declaración do clima como “suxeito de dereito” será un dos eixos sobre os que se artellará a futura normativa galega

Glasgow (Escocia), 7 de novembro de 2021

A Xunta de Galicia aproveitou hoxe a súa participación na 26ª Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático en Glasgow —COP26— para dar a coñecer as liñas mestras da futura Lei do clima galega, un documento no que xa está a traballar co reto de dotar á Comunidade dun marco normativo propio que contribúa á consecución da neutralidade climática en 2050.

En nome e representación da Xunta, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo ao longo do día toda unha serie de contactos con representantes dos estados membros da Coalición Under2, o grupo máis importante de estados e rexións comprometidos coa redución das súas emisións de gases de efecto invernadoiro para loitar contra o cambio climático.

De feito, esta mañá a conselleira participou na Asemblea Xeral da Coalición Under2, un escenario que aproveitou para intercambiar opinións e recoller as achegas e experiencias doutros países adheridos a este movemento co fin de enriquecer o contido da futura Lei do clima de Galicia.

A continuación, interveu no Encontro de membros europeos da Coalición Under2, onde tivo a oportunidade de expoñer, ante un nutrido grupo de representantes do continente, a experiencia da Comunidade galega e as novas ferramentas das que se vai dotar. “Galicia pode e quere ser parte da solución ao problema do cambio climático e ser un actor destacado a nivel nacional e internacional”, subliñou.

Ademais, Ángeles Vázquez tamén tivo ocasión de reunirse este mediodía con membros da Comisión de Medio Ambiente, Cambio Climático e Enerxía do Comité Europeo das Rexións, un encontro de traballo no que os asuntos principais que se abordaron foron os novos obxectivos marcados este verán pola UE nesta materia e as estratexias a seguir en clave europea para acadar o seu cumprimento nos prazos establecidos.

Oportunidade única para establecer sinerxías

O cumio que acolle estes días a cidade escocesa de Glasgow representa unha oportunidade única para poñer en contacto a gobernos de todo o mundo e abrir un debate ao máis alto nivel sobre os proxectos e iniciativas que cada rexión está a promovernos seus territorios para frear o avance deste fenómeno global.

Así e tendo en conta que a Xunta se atopa inmersa na elaboración da Lei do clima de Galicia, a conselleira aproveitou a súa participación na COP26 para establecer sinerxías con outras rexións tamén comprometidas de xeito ambicioso en reducir as emisións GEI así como para compartir as estratexias que nesta materia impulsa o Goberno galego.

Neste sentido, a futura normativa galega artellarase ao redor dunha decena de eixos, entre os que destaca principalmente a declaración do clima de Galicia como suxeito de dereito, en liña coa Declaración de principios éticos en relación co cambio climático, asinada pola Unesco en 2017.

Así mesmo, cómpre citar o establecemento dunha nova orde de prioridades na política, a economía, a industria e a vida cotiá, acorde co nivel de preocupación internacional que xera o cambio climático; reflectir o compromiso de Galicia por conseguir a neutralidade climática en 2050, asumindo as actuacións que contribúan xa en 2030 á redución do 55% das emisións na Unión Europea con respecto a 1990.

A lei basearase na Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050 e buscará acelerar o camiño para garantir a preservación dos recursos naturais e a recuperación e fortalecemento da actividade económica. Ademais, estará enmarcada tamén dentro dos obxectivos da Axenda 2030 e terá en conta que a innovación verde debe estar estreitamente relacionada coa equidade e a xustiza social.

Cómpre lembrar que Galicia leva anos asumindo un papel de liderado en España e en Europa no que respecta á loita contra o cambio climático, incorporándoa de forma transversal en todas as súas políticas e aprobando a finais de 2019 a Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, unha folla de ruta en clave galega que no seu primeiro ano e medio de aplicación xa permitiu poñer en marcha preto de 200 medidas cun investimento de máis de 300 millóns de euros.

Para continuar na mesma liña e avanzar no obxectivo final da neutralidade climática, a Xunta promove tamén unha gran Alianza galega polo clima co obxectivo de poñer en marcha unha rede de organizacións de todo tipo implicadas na loita contra o cambio climático, a mellora do medio ambiente e o impulso dunha economía circular.

Imaxes relacionadas