A Xunta salienta a relevancia de FairWay na promoción do turismo vencellado ao Camiño de Santiago

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurou hoxe o Fórum do Camiño de Santiago, especializado nos mercados que se moven ao redor das rutas xacobeas, que cualificou como “gran escaparate internacional” para captar peregrinos e turistas coincidindo co Ano Santo

Nava Castro celebrou o regreso do turismo de negocios e congresos, aos que a Xunta axudou con 800.000 euros nos peores meses da pandemia, porque supón “un novo paso máis cara a plena normalidade”

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2021

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asistiu hoxe á inauguración da cuarta edición do Fórum do Camiño de Santiago, FairWay, a feira especializada nos mercados que se moven ao redor das rutas xacobeas e que se celebrará ata o martes no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia coincidindo coa celebración do Xacobeo.

Nava Castro subliñou que o encontro, ao que se prevé que asistan 4.500 persoas e que conta con 80 expositores nun espazo de 1.800 metros cadrados, é “un gran escaparate internacional” para captar peregrinos e turistas coincidindo co Ano Santo, e que axudará a reactivar o sector polas posibilidades de negocio que ofrecen as 2.000 reunións previstas. Ademais do expositores de carácter nacional e internacional, o encontro acollerá mesas de traballo, foros especializados e actividades complementarias, como percorridos polo Camiño Inglés e polo Portugués. Na feira estarán representadas todas as comunidades autónomas polas que atravesa o Camiño.

FairWay terá carácter híbrido e será retransmitida dixitalmente, o que permitirá chegar a mercados de todo o mundo. A directora asegurou que as características da feira e a súa proxección internacional serán fundamentais na celebración dun segundo Ano Santo, o do 2022, que podería acadar cifras históricas logo de que xa neste verán Galicia fora líder na recuperación do sector. “Agardábamos chegar ás 140.000 Compostelas este ano, xa as superamos a finais de setembro e prevemos rematar este 2021 por riba das 190.000”.

Ademais, lembrou que segundo os últimos datos, entre xaneiro e setembro chegaron á comunidade 2,8 millóns de viaxeiros con máis de 5 millóns de noites. Por tanto, a comunidade galega sitúase 25 puntos por riba da media nacional respecto as cifras prepandemia sendo a segunda con maior recuperación de noites e a terceira en número de viaxeiros en comparación coas cifras de 2019.

Por outra banda, Nava Castro manifestou tamén a súa satisfacción pola recuperación do turismo de negocios e de congresos, que no 2019 mobilizou a máis de 400.000 persoas e que recibiu da Xunta 800.000 euros ao longo do 2021 para superar a paralización á que se veu abocado pola pandemia. A directora de Turismo de Galicia subliñou que a celebración de FairWay supón “un paso máis cara a plena normalidade”.

Imaxes relacionadas