'Camiño da Innovación' desprázase o luns a Cervo para achegar as oportunidades de innovar ás pemes da Mariña lucense

Trátase da segunda parada das 18 que fará o tráiler polas catro provincias galegas nos meses de novembro e decembro

Neste espazo ofrecerase asesoramento experto individualizado, formación a medida e casos de éxito de pemes innovadoras

Esta actuación enmárcase no Programa de Impulso á Innovación nas Pemes deseñado pola Axencia Galega de Innovación, dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa a Innovación, e dotado con 12 millóns de euros para animar ás pequenas, medianas e microempresas a investir en innovación

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2021

A iniciativa Camiño da Innovación, posta en marcha pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), chega o próximo luns 8 de novembro ao concello lugués de Cervo. Trátase dun espazo itinerante que realizará 18 paradas nas catro provincias galegas durante os meses de novembro e decembro, co obxectivo de prestar asesoramento ás pemes e difundir entre elas a necesidade e a oportunidade de innovar, como factor clave para gañar competitividade e medrar.

O tráiler deste programa pioneiro en Galicia estará dispoñible de 9,00 a 18,00 horas na praza do Concello, e contará coa participación do delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias. Os interesados en participar deberán inscribirse previamente a través da páxina web de Gain.

Esta iniciativa enmárcase no Programa de Impulso á Innovación nas Pemes posto en marcha pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, dotado con 12M€ para axudar ás pemes e microempresas galegas a investir en innovación. A través das distintas actuacións, tratarase de promover que as empresas que non innovan inicien a senda da competitividade baseada no coñecemento e, principalmente, tratarase de dinamizar aos tecidos empresariais dos núcleos non urbanos.

Experiencia de primeira man

En cada etapa ofrecerase asesoramento personalizado a pemes por parte de técnicos de Gain para analizar as oportunidades de innovar e como poñela en marcha. O obxectivo é atender máis de 200 consultas na xira, axudando a cada empresa a elaborar unha folla de ruta para poñer en marcha plans de acción que se materialicen en resultados tanxibles.
Ademais, celebrarase un encontro onde se presentarán tres exemplos de pemes innovadoras da contorna; en total, contarase con 54 casos de éxito que están a competir en mercados internacionais e que demostran que a innovación se pode poñer en marcha en calquera sector e empresa.
En Cervo, a cita con compañías innovadoras terá lugar de 12,30 a 14,00 horas no salón de plenos do Concello, da man de Laminados Villapol –fábrica de madeira laminada con sede en Trabada–, Pescados Rubén –empresa familiar vencellada aos produtos do mar–, e Star Electrónica –empresa especializada no desenvolvemento de solucións electrónicas avanzadas–.

Por último, poranse a disposición do público materiais explicativos das ferramentas e técnicas de innovación, que se irán incrementando con novos contidos durante 2022, así como un curso en liña sobre aspectos básicos da innovación.

Próximas paradas:

 

DATA
CONCELLO
08/11/2021
Cervo
09/11/2021
As Pontes de García Rodríguez
10/11/2021
Bergondo
11/11/2021
Ordes
15/11/2021
Caldas de Reis
16/11/2021
Santa Comba
17/11/2021
A Estrada
18/11/2021
Ponte Caldelas
22/11/2021
Salvaterra de Miño
23/11/2021
Ribadavia
24/11/2021
San Cibrao das Viñas
25/11/2021
Xinzo de Limia
29/11/2021
A Veiga
30/11/2021
Monforte
01/12/2021
Chantada
02/12/2021
Melide
09/12/2021
Meira

Máis información e inscrición neste enlace.