A Xunta comeza as obras da senda peonil na estrada autonómica OU-195 no concello de Pontedeva
A intervención de mellora da seguridade viaria e de fomento da mobilidade sostible conta cun investimento de preto de 50.000 euros e cun prazo de execución de 3 meses
Executarase un itinerario accesible na marxe esquerda desta estrada que conecta a vía de acceso do punto quilométrico 0+600 coa intersección final no punto 0+750, onde se atopan varias vivendas e establecementos comerciais do núcleo de Trado
A actuación completarase coa renovación da capa de rodadura no tramo final da vía
A Xunta continúa traballando no mantemento e mellora da rede viaria autonómica co fin de reforzar a seguridade e a comodidade nos desprazamentos
A Xunta comezou esta semana as obras da senda peonil na estrada autonómica OU-195 ao paso polo concello ourensán de Pontedeva.
Os traballos, cun investimento autonómico de máis de 48.000 euros, contan cun prazo de execución de 3 meses.
Esta intervención de mellora da seguridade viaria e de fomento da mobilidade sostible céntrase na construción dun itinerario peonil accesible na marxe esquerda da estrada OU-195 que conecta a vía de acceso do punto quilométrico 0+600 coa intersección final no punto quilométrico 0+750, onde se atopan varias vivendas e establecementos comerciais do núcleo de Trado.
A senda executarase cunha anchura de 2 metros, en formigón con espesor de 15 centímetros sobre unha capa de zahorra de 25 centímetros.
Construirase un pequeno muro entre os puntos quilométricos 0+690 e 0+730, onde existe unha pequena depresión do terreo xunto á estrada.
Baixo a nova senda disporanse conducións de abastecemento, saneamento e obra civil de iluminación.
A actuación completarase coa renovación da capa de rodadura mediante extensión de microaglomerado neste tramo final da OU-195.
O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando no mantemento e mellora da rede viaria autonómica co fin de reforzar a seguridade e a comodidade nos desprazamentos dos usuarios.