Portos de Galicia inicia a reflotación do buque pesqueiro ‘L´Etel’ no peirao de Ribeira

O ente público destina 332.000 euros tanto a esta actuación como ao tratamento dos restos da embarcación, uns labores que contan cun prazo de execución de arredor de cinco meses

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2021.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de iniciar esta mañá a reflotación e xestión dos restos do buque pesqueiro L´Etel, afundido no porto de Ribeira en xaneiro de 2020. Unha vez rematada a complexa tramitación administrativa requirida e ante a falta de resposta dos seus titulares, aos que se instou a asumir a tarefa directamente por ser súa a responsabilidade, Portos de Galicia contratou estas actuacións por importe de 332.000 euros, un investimento que adiantará o ente público.

Os traballos, que contan cun prazo de execución de arredor de cinco meses, consisten na reflotación e remolque do buque e o traslado dos restos ata un centro de despezado autorizado para a súa xestión. Previamente realizarase a inspección do pecio e a extracción dos residuos que se atopen a bordo do buque e a súa xestión por unha entidade autorizada. O servizo contratado inclúe tamén as actuacións de sinalización, balizamento e preparación dos accesos e zonas de traballo.

O buque pesqueiro L´Etel afundiu no porto de Ribeira o 22 de xaneiro de 2020 a unha profundidade de seis metros en relación co nivel 0 do porto. Nas horas próximas á baixamar parte do seu costado de babor facíase visible, polo que se facía necesaria a súa reflotación e retirada por razóns de seguridade e explotación portuaria.