A conselleira do Mar participou no acto central do Día do Mar na 22ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar

A Xunta salienta a importancia de promocionar os produtos do mar en eventos como Xantar para impulsar os seus prezos e a actividade do sector

A titular de Mar asegura que a comunidade está a facer un bo traballo neste eido, pero defende a necesidade de insistir nesta estratexia para que as bondades dos produtos pesqueiros de Galicia sexan coñecidos de xeito global e as empresas do sector conten con amplas posibilidades para diversificar o seu negocio

Ourense, 5 de novembro de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe no acto central do Día do Mar da 22ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar onde destacou a importancia de promocionar os produtos do mar en eventos coma este para mellorar a súa comercialización e impulsar a xeración de riqueza e emprego no complexo mar-industria de Galicia.
A representante do Executivo galego, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, salientou que a comunidade está a facer un bo traballo neste eido, pero defendeu a necesidade de insistir nesta estratexia para que as bondades dos produtos do mar de Galicia sexan coñecidas de xeito global e as empresas do sector conten con amplas posibilidades de negocio e diversifiquen a súa actividade.
A titular de Mar lembrou que a Xunta vén participando neste evento de xeito ininterrompido desde 2009 e subliñou a transcendencia da celebración de encontros coma este trala pandemia da covid-19 pois permiten poñer en contacto ás empresas galegas con profesionais doutros países. De feito, Galicia xa participou este ano noutras feiras deste tipo como Salimat Abanca (Silleda), Conxemar (en Vigo), Anuga (Colonia), Gourmets (Madrid) ou Tutto Food (Milán) e prevé asistir a arredor dunha ducia delas o próximo ano.

Rosa Quintana lembrou que os asistentes poden degustar na Aula do Mar de Xantar algúns dos produtos pesqueiros máis destacados da comunidade da man da campaña de promoción GALICIA SABE AMAR. Entre eles están os peixes e mariscos da pesca artesanal distinguidos co selo de calidade pescadeRías, a pescada do pincho, o bonito do norte, o mexillón ou as conservas.
A estas degustacións, destacou a conselleira do Mar, engádese outra experiencia sensorial mediante a actividade de promoción GALICIA SABE AMAR 360º, na que os asistentes poderán visitar de xeito virtual espazos e estampas da vida mariñeira e pesqueira grazas a unha aplicación e unhas gafas virtuais. “Iso permitirá situarnos nos espazos de traballo do noso sector para vivir, sentir e amar o noso mar, como eles fan todos os días”, subliñou Rosa Quintana.

A feira

O Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar celebra a súa 22ª edición desde o pasado mércores ata o próximo domingo co obxectivo de poñer en valor os produtos agroalimentarios de calidade da comunidade. Entre as finalidades da feira está a dinamización do rural a través da enogastronomía e do turismo promovendo produtos innovadores que destacan pola súa calidade e sustentabilidade.
A Consellería do Mar participa neste certame cun posto de 48 metros cadrados de superficie no que dá a coñecer a calidade dos peixes e mariscos galegos coa campaña GALICIA SABE AMAR, na que se inclúen accións como unha decena de degustacións na Aula do Mar de Xantar. Hoxe, coincidindo co Día do Mar, celébranse ademais dous obradoiros das campañas Ti si que es un bo peixe e Fai clic ao teu bocata para a promoción do consumo de peixes e mariscos e de conservas entre o público infantil.
A Consellería do Medio Rural tamén está presente en Xantar cun espazo institucional propio que dá cobertura a 14 empresas agroalimentarias galegas e desenvolve outros tantos obradoiros e degustacións a base de produtos galegos con Denominación de Orixe Protexida (DOP) e Indicación Xeográfica Protexida (IXP). É o caso do mel, as carnes (coa primeira degustación de vaca galega/boi galego), as augardentes, os produtos ecolóxicos, o pan, as patacas, os grelos, os queixos ou as castañas.

Imaxes relacionadas