Miranda participa en Xantar na entrega dos Pratos de Ouro de Radio Turismo aos profesionais da hostalería e o turismo
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou esta tarde na entrega dos Pratos de Ouro que Radio Turismo organizou en Xantar, no 22º Salón internacional de Turismo Gastronómico, e no que fixo un recoñecemento aos profesionais da hostalería, a restauración e o turismo.
O secretario xeral destacou durante a súa intervención o valor engadido que teñen os produtos galegos, que se reflicte a través dos centros de restauración que teñen por todo o mundo as entidades da colectividade exterior, que apostan por mostrar e ofrecer o mellor da nosa gastronomía, facendo coñecidos os nosos pratos nos cinco continentes.
Por outra banda, Antonio Rodríguez Miranda tamén animou a seguir facendo forza dende Galicia para que a mellor cociña poida estar “á altura dunha terra que nos dá tanto e tan bo. Dende o exterior, os galegos espallados polo mundo seguirán a ser os nosos mellores embaixadores desta faceta da nosa rica e diversa parte da cultura galega que é a gastronomía”.