A Xunta participa na celebración do Día de Portugal dentro do Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañou aos representantes turísticos portugueses e das confrarías gastronómicas na xornada que esta feira gastronómica dedica ao país veciño

Ourense, 4 de novembro de 2021

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, puxo hoxe en valor no Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar, o peso, a influencia e as relacións que unen Galicia con Portugal como primeiro mercado emisor tanto de viaxeiros como de peregrinos e cuxos “fluxos turísticos están a ser fundamentais neste proceso de recuperación da crise sanitaria”.

Nava Castro, que hoxe participou xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, no Día de Portugal que a Xantar dedica ao país veciño, lembrou que existen recursos naturais, como o rio Miño que permiten afondar no desenvolvemento de produtos turísticos conxuntos vencellados coa súa navegabilidade, ou como os parques naturais Peneda Gêres-Xurés e a rede de cicloturismo Eurovelo.

Porén, a directora de Turismo de Galicia salientou o Camiño de Santiago como nexo e elemento compartido máis importante, xa que “dous de cada dez peregrinos que chegaron a Galicia fixérono a través do Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa”, engadiu Nava Castro.

Así, segundo manifestou a responsable de Turismo de Galicia, a cifra de peregrinos que escolleron unha destas dúas rutas foi de 40.000 persoas.

Por outra parte, Nava Castro aproveitou a súa intervención no Día de Portugal en Xantar para felicitar ao Instituto de Desenvolvemento Económico de Ourense, INORDE, como impulsor de distintos proxectos turísticos e colaborador con outros promovidos pola Xunta como os Trens turísticos de Galicia, que este ano volveron rexistrar unha ocupación de preto do cento por cento.

A directora de Turismo de Galicia tamén gabou o éxito do Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar, que este ano chega á súa vixésimo segunda edición para volver xuntar o mellor da gastronomía, non só galega senón tamén nacional e internacional “volvendo demostar a súa capacidade de convocatoria e o pulo da gastronomía galega, que constitúe un piar fundamental da estratexia turística da comunidade e é a carta de presentación de Galicia diante do viaxeiro e do peregrino”, segundo manifestou Nava Castro.

Unha gastronomía –engadiu a directora de Turismo de Galicia- que este ano mira cara aos Camiños de Santiago, en plena celebración do Ano Santo e que desde a Xunta tamén se promove a través de inciativas como Écociña, coa que se poñen en valor os produtos de proximidade e a necesidade de facer unha cociña máis sustentable e que xa conta con 120 establecementos adheridos que traballan en propostas culinarias máis responsables coa contorna e con menos pegada de carbono.

Imaxes relacionadas