Feijóo avanza o impulso da primeira Lei de áreas empresariais de Galicia que nace co obxectivo de axilizar e flexibilizar a creación de solo empresarial

Salienta que se creará o Plan estruturante de solo empresarial para desenvolver o solo cando sexa de titularidade pública de interese autonómico

Destaca que a norma recolle 5 instrumentos de execución novos: o proxecto de delimitación de fases de urbanización, o proxecto de desenvolvemento de urbanización, o proxecto de urbanización, o proxecto de parcelamento e os estudos de detalle
 

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe o impulso da primeira Lei de áreas empresariais de Galicia que nace co obxectivo de axilizar e flexibilizar a creación de solo para as empresas, dar coherencia a todos os instrumentos de planificación de solo empresarial vixentes e converterse na primeira regulación específica que permita crear reservas estratéxicas de solo.
Ao longo da súa intervención, Feijóo explicou que o texto contempla novidades en canto aos instrumentos de ordenación das áreas empresariais. Por unha banda, mantén o Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia como marco para fixar a localización das áreas - que recolle actualmente 117 parques en 95 concellos- e, por outra banda, créase o Plan estruturante de solo empresarial para desenvolver o solo cando sexa de titularidade pública de interese autonómico.

Nese sentido, tamén debullou outras novidades en relación aos instrumentos de execución, neste caso a norma recolle, dixo, 5 instrumentos: o proxecto de delimitación de fases de urbanización, o proxecto de desenvolvemento de urbanización, o proxecto de urbanización, o proxecto de parcelamento e os estudos de detalle.

Xa para rematar co apartado de novidades, Feijóo sinalou que no ámbito da conservación, xestión e modernización das áreas empresariais contémplase a creación de entidades de propietarios que velarán polo mantementos das infraestruturas e servizos do ámbito, así como da súa actualización e modernización.

Adicionalmente, avanzou, regularanse os Concellos Emprendedores por lei, para blindalos e facilitarlles axudas e incentivos prioritarios. “Terán 30 días para dar unha licenza, 15 cando se trate de actividades empresariais estratéxicas, e no caso de non existir resposta a licenza outorgarase por silencio administrativo”, engadiu.

“En definitiva, unha lei que será útil para todos os investimentos estranxeiros que poidamos captar” e sobre todo que a xeración de solo empresarial, urbanizado correctamente e a un custo alcanzable, permita a implantación da actividade empresarial e o progreso socioeconómico de Galicia.

 

Imaxes relacionadas