Trenor destaca o compromiso da Xunta coa Cidade das Tic cun investimento de 4,8M€

O delegado territorial da Xunta participou na apertura do curso “A Cidade das Tic: construíndo un futuro dixital” da Universidade da Coruña

A Coruña, 4 de novembro de 2021

O delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, destacou esta mañá o firme compromiso da Xunta co proxecto da Cidade das Tic porque, polo momento, é a administración que plasmou ese apoio cun investimento de 4,8 millóns de euros para facelo realidade. O representante do Goberno autonómico fixo estas declaracións na inauguración do curso “A cidade das TiC: construíndo un futuro dixital” organizado pola Universidade da Coruña (UDC).

Trátase dun curso de dous días de duración centrado no futuro económico-social dun mundo dixitalizado onde a intelixencia artificial e o Big Data son unha parte esencial, dentro deste enfoque a formación centrouse na estudo da Cidade das Tic da Coruña como un instrumento que xogará un papel fundamental nese futuro.

Trenor subliñou que o elemento diferenciador desta proposta é que é unha infraestrutura aberta a calquera pequena e mediana empresa ou autonómo que nun futuro queira utilizar esta instalación. A iniciativa, que se inclúe nos Hubs de innovación dixital, enmárcase nunha visión clara de que o futuro pasa pola innovación.

O representante do Goberno autonómico tamén lembrou que a Xunta incluíu este proxecto na proposta presentada ao Goberno do Estado para optar a fondos europeos Next Generation. No caso de acadar un compromiso da Administración central para recoller este proxecto no reparto final destes fondos de reconstrución, a previsión é que a iniciativa chegue a mobilizar 55 millóns de euros, para, desde a colaboración público-privada, consolidar o Polo TIC que está a impulsar a Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas