O Edificio Fontán acollerá o día 10 de novembro o concurso ”Capture The Flag”, no marco do Encontro Galego de Ciberseguridade Ciber.gal

Está dirixido a calquera persoa maior de idade disposta a poñer a proba os seus coñecementos e habilidades para resolver retos no ámbito da seguridade

O único requisito é inscribirse previamente e acudir ao encontro cun portátil

O primeiro e o segundo clasificado do “Capture The Flag”, será agasallado cun premio de 700€ e 300€ respectivamente, que serán anunciados e entregados na última xornada do encontro

Tamén se celebrará un sorteo entre todos os participantes dun Huawei Watch GT2 Pro

Ademais do concurso, Ciber.gal acollerá un Taller de detección, identificación e análise de ameazas en redes e aplicacións

Ambas iniciativas están organizadas pola Cátedra R en ciberseguridade e o centro tecnolóxico Gradiant

O primeiro encontro galego de ciberseguridade, Ciber.gal, reunirá os días 10 e 11 de novembro a institucións nacionais como o INCIBE, o CCN, a Axencia Española de Protección de Datos e o ISMS Forum e poñentes de recoñecido prestixio como Marc Vidal, Gianluca D´Antonio ou Antonio Fernandes

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2021

O Edificio Fontán da Cidade da Cultura acollerá os vindeiros días 10 e 11 de novembro o primeiro encontro galego de Ciberseguridade Ciber.gal dirixido a empresas, cidadanía e administracións públicas. No marco deste evento, o día 10 de Novembro, terá lugar en modalidade presencial dende as 15h ata as 19h, o concurso “Capture The Flag” que formulará unha serie de retos que porán a proba os coñecementos e habilidades dos participantes na área de seguridade de sistemas e aplicacións.

Este concurso, organizado de maneira conxunta pola Cátedra R en Ciberseguridade e o Centro Tecnolóxico Gradiant no marco do evento Ciber.gal, ten como requisitos para a súa inscrición ser maior de idade, acudir cun ordenador portátil propio e descubrir “o segredo” para poder participar, que consiste na resolución dun sinxelo reto de seguridade. Na actividade participarán un número máximo de 30 persoas, que serán seleccionadas por orde de inscrición. É preciso inscribirse previamente para poder participar neste formulario.

Cada proba deste concurso ten asignada unha puntuación en función á súa dificultade. Existirá a posibilidade, en caso de necesitarse, de solicitar pistas que descontarán puntos ao total da proba en cuestión. Unha vez finalizado o tempo da actividade, determinaranse os gañadores en función da súa posición na clasificación. O primeiro e o segundo clasificado serán agasallados con premios de 700 e 300€ respectivamente, sendo entregados os mesmos na última xornada do encontro, o día 11 de Novembro no auditorio principal do Edificio Fontán. Ademais, ao finalizar o concurso, tamén terá lugar o sorteo entre todos os participantes dun Huawei Watch GT2 Pro. Pódense consultar as bases legais do concurso aquí.

O concurso “Capture The Flag” nace coa intención de que todos aqueles que queiran, poidan por a proba as súas habilidades e a súa destreza á hora de resolver problemas relacionados con temáticas como a criptografía, o análise forense, o networking e o reversing.

Nesta mesma liña, neste caso organizado pola Cátedra R de ciberseguridade, celebrarase un obradoiro para a detección, identificación e análise de ameazas en redes e aplicacións o día 10 de novembro entre as 10h e as 14h, que consistirá nun breve repaso conceptual á análise de malware e ás técnicas de detección e eliminación de ameazas. Estas técnicas exemplificaranse con casos de estudo prácticos.

A actividade vai dirixida a estudantes de FP (módulo superior), estudantes de cursos de especialización, e estudantes de grados e másteres universitarios en estudos afíns ás tecnoloxías da información e as comunicacións. Será en modalidade presencial, e tamén require dunha inscrición previa e asistir con un portátil persoal. Celebrarase en tres sedes distintas á vez, no Edificio Fontán en Santiago de Compostela, na Universidade da Coruña e na Universidade de Vigo. Para cada unha delas, o aforo máximo deste taller é de 20 persoas, e tamén serán asignadas as prazas por orde de inscrición.

Nodo Ciber.gal

O encontro galego de ciberseguridade CIBER.gal é unha das iniciativas promovidas e organizadas no marco do nodo galego de ciberseguridade, que foi constituído en xullo de 2020, impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), as catro deputacións provinciais de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Dende a súa creación fóronse adherindo a este espazo de cooperación público-privado mais de 30 entidades de diversos sectores, así como as tres universidades galegas.

A ciberseguridade é unha das tecnoloxías máis relevantes no momento actual e a Estratexia Galicia Dixital 2030 considera prioritario o seu impulso na Comunidade, nesa liña póñense en marcha iniciativas como o encontro galego de ciberseguridade, que ten como obxectivo principal concienciar á cidadanía, ao tecido empresarial e ás Administracións Públicas sobre a importancia de garantir a seguridade da información na contorna dixital e promover o coñecemento e unha cultura da ciberseguridade en Galicia.

Na seguinte ligazón pode obterse información mais detallada do programa: https://gaiastech.xunta.gal/gl/actividades/evento-cibergal

Imaxes relacionadas