A Xunta dota ao concello de San Cibrao dunha zona deportiva exterior con espazos de workout no ximnasio de Pontenoalla

O importe da obra ascenda a preto de 50.000 euros, achegados no seu 80% pola Xunta e polo Concello no restante 20%

San Cibrao das Viñas (Ourense), 3 de novembro de 2021

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo delegado territorial da Xunta na provincia, Gabriel Alén e mais o alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández, visitou o ximnasio de Pontenoalla no que se vén de levar a cabo a obra da zona deportiva exterior, por importe de preto de 50.000 euros (48.212,57 euros), dos que a Xunta investiu o 80% (38.570,06 euros)
Máis polo miúdo, a zona deportiva exterior dispón dunha zona de saltos, dous elementos de workout, e tres calles de atletismo de 21,60 m de lonxitude, dispostos sobre unha soleira de formigón, previamente elaborada, con pavimento de caucho continuo nos espazos de caída dos dous elementos de workout e pintura deportiva no resto dos espazos e finalmente delimitado por un valo metálico de grella pintado en cor azul.
Os elementos de ximnasia dispostos a tenor da obra foron, por unha banda, un primeiro módulo composto por un banco de abdominais, unha barra horizontal a 1,25 metros de altura, tres barras paralelas, un xogo de espaldeiros, unha barra de dominadas e unha escada vertical. Por outra banda, o segundo módulo componse por tres barras horizontais a 1,25 metros, outras tres barras horizontais a 1,50 metros, tres barras paralelas, unha escada horizontal, un xogo dobre de espaldeiros e unha barra de dominadas. Ademais tamén se instalou un conxunto de salto composto por cinco barras horizontais paralelas a unha altura de 60 centímetros e cunha equidistancia de dous metros.
Lete Lasa destacou a importancia deste espazo workout ante o gran crecemento que están a ter os deportes urbanos e asegurou que ademais do basket 3x3, o skate ou o breaking dance, cada día son máis os rapaces e rapazas que practican calistenia nas rúas e nos parques.
A Secretaría Xeral para o Deporte afianza así o seu compromiso coas infraestruturas deportivas. Dos 32.474.216 euros cos que conta en 2021 (un 28,5% máis que en 2020), 9,15 millóns serán destinados a obras de creación e reforma de infraestrutura deportiva, un 118% máis que en 2020 cando se destinou ao mesmo obxecto 4,2 millóns de euros.

Imaxes relacionadas