A Xunta promove en Lugo a construción con madeira para facer fronte ao reto global contra o cambio climático

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou hoxe en Lugo nun taller sobre o proxecto transnacional Eguralt para a promoción de materiais naturais procedentes de fontes sostibles e renovables

Lugo, 3 de novembro de 2021

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou hoxe en Lugo nun taller organizado pola Xunta de Galicia, a través do CIS Madeira, no que participaron as entidades socias do proxecto Eguralt, que pretende a promoción e divulgación da construción con madeira no espazo Sudoe.

O obxectivo desta cita, celebrada nas instalacións de Maderas Besteiro, é contribuír,
a través da posta en común de iniciativas e boas prácticas dos grupos de traballo transnacionais que forman parte do proxecto, ao intercambio e identificación de oportunidades para facer fronte ao reto global de loitar contra o cambio climático coa promoción do uso de materiais naturais procedentes de fontes sostibles e renovables.

A este respecto, un dos ámbitos no que traballará Eguralt é a promoción de vivenda pública en madeira de media altura, un fin no que Galicia xa está a traballar mediante o uso da madeira no ámbito sanitario. Así, o director de Xera apuntou que o obxectivo da Xunta de Galicia é mellorar a sustentabilidade das edificacións públicas promovendo o uso deste material nas consultas e salas de espera dos novos centros de saúde para favorecer a súa humanización e contribuír a un maior benestar dos usuarios e o persoal sanitario.

O Punto de Atención Continuada (PAC) da Laracha –o primeiro edificio de madeira do Sistema Galego de Saúde (Sergas)–; a ampliación e reforma do centro de saúde do Porriño; o novo centro de saúde de Abegondo; e o centro de atención primaria de Ourense –que será o primeiro edificio de madeira en altura do Sergas–, foron algúns dos proxectos que nomeou Lema como exemplos da posta do Goberno galego polo uso da madeira en edificios públicos.

“A Administración pode cumprir un importante papel impulsando unha transformación na percepción da sociedade sobre as vantaxes medioambientais e vencelladas ao benestar que propicia o uso da madeira”, apuntou, ao mesmo tempo que destacou que a cooperación transnacional que se fomenta no proxecto Eguralt permitirá que os obxectivos establecidos se apliquen a escala global.

Imaxes relacionadas