A Xunta salienta o protagonismo de Xantar na promoción e recoñecemento internacional da gastronomía galega

O Salón internacional de turismo gastronómico que se inaugura hoxe en Ourense dedica a súa 22º edición á promoción da gastronomía no Camiño de Santiago

O vicepresidente primeiro da Xunta salientou que a feira é “o mellor escaparate” para animar aos turistas a visitar Galicia con motivo do Xacobeo

Ourense, 3 de novembro de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu hoxe á inauguración do 22º edición do Salón internacional de turismo gastronómico Xantar que se celebrará en Ourense ata o día 7 de novembro para facer promoción dos produtos de calidade do agro e do mar galegos a través das consellerías do Medio Rural e do Mar.
Alfonso Rueda, que asistiu acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, salientou o protagonismo de Xantar na promoción e recoñecemento internacional da gastronomía galega e cualificou como “un acerto” dedicar a presente edición á gastronomía no camiño de Santiago porque é “o mellor escaparate” para animar aos turistas a visitar Galicia con motivo do Xacobeo.
O vicepresidente primeiro recordou que a Xunta, a través de Turismo de Galicia, traballa xa na promoción da gastronomía presente nas distintas rutas xacobeas a través do programa Écociña, un proxecto en colaboración con recoñecidos chefs para promover boas prácticas na restauración e poñer en valor a cociña autóctona e o mercado de proximidade que é referente no Camiño de Santiago, un proxecto ao que xa se adheriron 120 establecementos.
O salón gastronómico, a entender de Rueda, será un pulo máis na consolidación do turismo en Galicia de cara ao 2022, logo de pechar un verán no que a comunidade autónoma foi líder na recuperación turística e despois dunha Ponte de Todos os Santos na que os establecementos hoteleiros rozaron o cen por cen de ocupación. O vicepresidente primeiro salientou a importancia do bono turístico #QuedamosEnGalicia, que inxectou nesta ponte 300.000 euros no sector cunhas 1.400 operacións nos establecementos galegos.
Alfonso Rueda ratificou un ano máis a aposta da Xunta polo salón gastronómico tendo en conta que nos cinco días da feira pasarán polo pavillón de Expourense o mellor dos produtos galegos e o máis recoñecido da súa cociña, os máis afamados chefs e os máis selectos pratos, tanto os tradicionais como os de vangarda.
A aposta da Xunta por Xantar materialízase nas achegas coas que todos os anos contribúe para a posta en marcha da feira, de tal xeito que, desde o ano 2013, destinou máis de 233.000 euros á súa celebración, 30.000 na presente edición.

Imaxes relacionadas