Feijóo outorga ao diálogo social un papel decisivo para avanzar na igualdade laboral e o emprego de calidade

A xuntanza de hoxe coa responsable de CC.OO. é mostra do funcionamento fluído das relacións que o Goberno galego mantén con esta organización sindical

Desde que se iniciou a actual Lexislatura, representantes da Xunta mantiveron cerca de corenta encontros coa mesa do Diálogo Social na que está representada Comisións Obreiras
 

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, mantivo hoxe unha xuntanza coa secretaria xeral de Comisións Obreiras en Galicia, Amelia Pérez Álvarez, que salientou como mostra da normalidade institucional e o funcionamento fluído das relacións que a Xunta mantén con esta organización sindical, no marco do Diálogo Social, que cualificou como instrumento decisivo para avanzar no emprego de calidade e no benestar das persoas traballadoras.
Desde que se iniciou a actual Lexislatura, representantes da Xunta mantiveron cerca de corenta encontros coa mesa do Diálogo Social na que está representada Comisións Obreiras. A súa contribución resultou fundamental, así, no deseño dos plans de rescate activados polo Goberno galego para axudar ás empresas e persoas traballadoras autónomas máis afectadas pola crise sanitaria. Tamén para abordar a necesaria recuperación e tratar de dar resposta ás novas necesidades do mercado laboral nun contexto no que a igualdade laboral, a necesidade de conciliación e a transición dixital son ineludibles.

No momento actual o Diálogo Social converteuse nun instrumento clave para trazar medidas que contribúan ao crecemento económico de Galicia e a preservación do emprego de calidade, e así llo trasladou Feijóo a representante de CC.OO. hoxe.
Entre os eixos nos que o diálogo social está a resultar relevante destaca a implantación da efectiva igualdade laboral nas empresas. Trátase de remar xuntos contra a fenda de xénero, a prol da conciliación e a corresponsabilidade nos coidados de menores e maiores dependentes. Sempre que se trate de avanzar na igualdade de oportunidades, a Xunta manterá man tendida aos sindicatos, como peza chave para abordar este cambio.

Ademais, o presidente da Xunta e a secretaria xeral de Comisións Obreiras Galicia abordaron o reto do cambio de modelo enerxético. Sobre ese punto, ambos compartiron a preocupación pola situación industrial de Galicia e coincidiron na necesidade de que esa transición sexa xusta e ordenada para evitar a perda de miles de empregos.

Feijóo ofreceu man tendida a CC.OO. co compromiso de manter o clima de colaboración que permita cristalizar en novos acordos laborais beneficiosos para o ámbito empresarial e para os profesionais.
 

Imaxes relacionadas

Departamento:
A Presidencia da Xunta