O traballo da Xunta en prol dunha vida saudable volve a ser premiado no congreso internacional da Asociación Española de Ciencias do Deporte

A plataforma DAFIS (Datos de Actividade Física Saudable) da Fundación Deporte Galego foi recoñecdia co premio á mellor comunicación oral na área de actividade física e saúde

Santiago, 2 de novembro de 2021

A plataforma Dafis (Datos de Actividade Física Saudable) da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia vén de ser galardoada co premio á mellor comunicación oral na área de actividade física e saúde no XI Congreso Internacional da Asociación Española de Ciencias do Deporte, celebrado en Murcia o pasado 29 de outubro. A plataforma xa foi galardoada co segundo accésit dos Premios Naos 2019 na categoría de promoción da práctica da actividade física no ámbito escolar, así como co recoñecemento da oficina europea da Organización Mundial da Saúde como exemplo de boas prácticas para a promoción da actividade física no ámbito escolar, en 2018.
O traballo realizado pola Cátedra SXD-Galicia Activa da Universidade da Coruña a partir dos datos recollidos por DAFIS leva por título ‘Análise dos compoñentes principais da condición física en nenos e adolescentes” e conclúe que coa redución do número de probas, o tempo destinado á medición dos nenos e adolescentes podería reducirse, manténdose en todo caso como un indicador de saúde. Isto podería ser conveniente en situacións de redución da carga lectiva tal e como ocorreu recentemente pola crise sanitaria da Covid-19. DAFIS recolle os datos de condición física saudable dos escolares galegos entre 6 e 16 anos, incluíndo datos de IMC, perímetros de cintura e cadeira.
A ferramenta liderada pola pola Fundación Deporte Galego é un exemplo de coordinación entre diversas entidades co obxectivo común da mellora da saúde dos escolares galegos a través de práctica regular da actividade física e deportiva. Na actualidade, DAFIS leva realizadas preto de 34.000 avaliacións a uns 19.000 nenos e nenas, amosándose como unha ferramenta de gran valor epidemiolóxico desde a súa posta en marcha, no ano 2012. Os centros galegos adheridos a DAFIS son máis de 140 e a a Xunta de Galicia leva formados a máis de 275 profesores en 14 cursos de formación no uso e manexo das diferentes partes das que se compón. O labor pedagóxico que se realiza nos centros educativos para que o alumnado incremente a actividade física no seu día a día é fundamental para acadar mellores niveis de saúde e benestar nunha época tan complicada e con tantos desafíos sanitarios.
Grazas ao convenio de colaboración asinado en xaneiro de 2020 entre Educación, Sanidade e Deporte co obxectivo de impulsar unha alianza estratéxica para loitar contra a obesidade infantil e promover estilos de vida activa nos escolares galegos, as valoracións realizadas están ao alcance dos pediatras, os profesores e os responsables deportivos para prescribir actividade física de xeito máis axustado e en consonancia coas necesidades de cada neno.

Imaxes relacionadas