O Centro Tecnolóxico do Mar organiza un seminario sobre os avances no desenvolvemento de fármacos de orixe mariña contra a covid-19 e o cancro

O evento desenvolverase este venres en formato virtual e contará coa participación de representantes dos socios que interveñen no proxecto europeo BlueHuman

O encontro servirá para avaliar o grao de colaboración entre empresas e grupos de investigación no contexto da economía azul e da valorización dos recursos mariños no Espazo Atlántico

Vigo, 2 de novembro de 2021

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, organiza este venres 5 de novembro un seminario no que se abordarán os avances no desenvolvemento de fármacos de orixe mariña de aplicación no tratamento da covid-19 e de enfermidades oncolóxicas ao abeiro do proxecto europeo BlueHuman.
A xornada, que terá lugar en formato virtual, servirá para coñecer o grao de colaboración que, no contexto da economía azul, manteñen empresas e grupos de investigación no Espazo Atlántico. Nela expoñeranse os resultados dunha enquisa, desenvolvida no marco deste proxecto europeo, sobre as limitacións, condicionamentos e retos desas sinerxías entre o sector privado e os investigadores.
A directora-xerente do Cetmar, Paloma Rueda, será a encargada de inaugurar a xornada na que, tras unha breve presentación do proxecto BlueHuman, se celebrarán dous relatorios sobre o caso dunha molécula de aplicación no tratamento da covid-19 e sobre o restrinxido grupo de fármacos de orixe mariña desenvolvidos ata o momento e empregados contra enfermidades oncolóxicas. A inscrición ao seminario está aberta e os interesados poden acceder tanto ao formulario como ao programa da xornada a través deste enlace.
O consorcio do proxecto BlueHuman, que está financiado polo programa europeo Interreg Espazo Atlántico, leva traballando desde 2018 no desenvolvemento de diferentes liñas de investigación centradas na valorización biotecnolóxica de produtos e subprodutos mariños destinados aos campos da medicina e o coidado da saúde.
Esta iniciativa de investigación está liderada polo grupo de investigación 3B’s da Universidade do Minho e conta ademais coa participación da Fundación Cetmar ou da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia (GNP-AECT). No proxecto BlueHuman traballan socios de España, Portugal, Irlanda, Francia e Reino Unido dun total de 13 institucións, centros de investigación e empresas.