O conselleiro do Medio Rural debullou no Parlamento as partidas presupostarias do seu departamento para o ano vindeiro, que en total ascenden a case 630 millóns de euros

A Consellería do Medio Rural aumenta en case un 8 % o seu orzamento de 2022 para consolidar as actuacións en materia de prevención, recuperación e calidade

En prevención, haberá 12,7 millóns para forestación, 10,5 M€ para silvicultura e boa gobernanza, 5,69 millóns para xestión da biomasa preto das casas, 5 millóns do Plan de Pastos ou unha liña nova de 4,5 M€ para plantar castiñeiros e recuperar soutos

Sobre defensa do monte, destacan 10,3 millóns para a reforma e optimización de instalacións ou para o impulso do Centro integral de loita contra o lume, 6,2 M€ para infraestruturas preventivas e 3,5 millóns para renovar o parque móbil de extinción

No que atinxe á recuperación, resaltan 5,33 millóns para seguir implementando polígonos agroforestais e aldeas modelo, 2,1 M€ para outras actuacións en materia de mobilización e recuperación e máis de 12 millóns para reestruturacións parcelarias

Canto á calidade, haberá 19,5 M€ para transformación e comercialización de produtos agroalimentarios, 6,8 millóns para investir nos centros de formación e investigación e unha nova liña de medio millón para a xeración de ciclos curtos de comercialización

En relación a outras novidades, o conselleiro puxo de relevo os 4 M€ destinados a un instrumento financeiro para investimentos en explotacións e as novas axudas por 500.000 euros para a creación de agrupacións e organizacións de produtores
 

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, debullou hoxe no Parlamento galego as partidas presupostarias do seu departamento para o ano vindeiro, destacando que o orzamento global se incrementa case un 8 % con respecto a este 2021 para consolidar as actuacións en materia de prevención, recuperación e calidade.
En concreto, as contas de Medio Rural para 2022 ascenderán aos 629.192.986 euros, segundo dixo José González, erixíndose como a cuarta Consellería con máis presuposto, tras as tres de índole social (Sanidade, Cultura, Educación e Universidade e Política Social). Así, destinaranse un total de 44,3 millóns de euros máis para, entre outras prioridades, a implementación da Lei de recuperación da terra agraria, o avance das Estratexias sectoriais do lácteo, do viño e da carne e a consolidación dun monte galego multifuncional como premisa prioritaria de cara á anticipacións aos incendios forestais.
Antes de detallar os investimentos no marco dos tres eixes de actuación, o conselleiro do Medio Rural referiuse á necesaria planificación das contas, aludindo a partidas novidosas como os catro millóns destinados a un instrumento financeiro para investimentos en explotacións, co obxectivo de que se poidan conceder préstamos garantidos ata un total de 25 millóns de euros. Tamén ás novas axudas que se convocarán para a creación de agrupacións e organizacións de produtores, dotada con 500.000 euros.
Na súa intervención, puxo en valor ademais un ambicioso Plan de mellora da presenza da Consellería do Medio Rural no territorio, que contempla 1,75 millóns de fondos propios da Xunta para a reestruturación e optimización da rede de Oficinas Agrarias Comarcais. Nese senso, avanzou que esta semana se presentará a Oficina Agraria Móbil, que se desprazará alá onde non haxa este tipo de oficinas.
Así mesmo, están previstos 10,3 millóns para a reforma e optimización das instalacións de Defensa do Monte, con 6,4 millóns para a conversión dos puntos de encontro en bases de unidades operativas e para o impulso do Centro integral de loita contra o lume de Toén. Neste capítulo, destacan tamén os 3,05 millóns de euros recollidos para a construción e posta e funcionamento dunha base aérea en Verín, así como para o aluguer de avións preciso, no marco do proxecto transfronteirizo Interlumes.
Neste Plan de mellora cabe apuntar tamén os 6,8 millóns de euros contemplados para investir nos centros de formación e investigación dentro da configuración da Fundación de investigación agraria de Galicia. Así, inclúense 1,4 millóns para acometer obras de mellora nos centros de formación e investigación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, uns investimentos que se completarán coa construción do Banco de xermoplasma no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, cun orzamento de dous millóns, e coa primeira fase das obras do Espello do Rural en Sergude, centrada no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal, cun presuposto de 3,4 millóns.
No marco da prioritaria planificación, José González nomeou outros investimentos fundamentais como os 49 millóns concibidos para plans de mellora, a incorporación de mozos ao agro e a creación de pequenas explotacións, os 7,9 millóns para o fomento do uso da maquinaria agrícola en réxime asociativo e os sete millóns pensados para promover os seguros agrarios (un 17 % máis).
No campo do desenvolvemento rural, aumenta un 34 % o orzamento da medida Leader, deica os 12,86 millóns de euros, mentres as achegas para proxectos de cooperación entre grupos de desenvolvemento rural acadará os 772.000 euros, sen esquecer a reactivación das axudas para estratexias de desenvolvemento rural que se aproximarán aos 900.000 euros.
No eido lexislativo, o conselleiro afirmou que tanto a Lei de defensa integral do monte galego como a Lei da calidade alimentaria de Galicia entrarán como proxectos de lei no Parlamento o ano vindeiro. Ao tempo, apostou por seguir avanzando na implementación do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, así como nas Estratexias do lácteo, do viño e da carne, ao abeiro das cales xa se están levando a cabo iniciativas exitosas -dixo- como a formación especializada en xestión empresarial para os gandeiros de vacún de leite ou a aplicación Conta láctea para que poidan calcular os seus custos de produción e mellorar a súa posición negociadora ante as industrias. Así mesmo, tivo unha mención para as negociacións da futura PAC, aludindo a facer valer a postura común da Cornixa cantábrica ante o Goberno central para que se teñan en conta os intereses dos nosos agricultores e gandeiros.
Prevención
Neste capítulo, o conselleiro do Medio Rural apelou á transversalidade, avanzando na implementación do convenio de protección das aldeas ao que xa están adheridos 270 concellos. Nesa liña, incidirase -por exemplo- na mellora tecnolóxica da plataforma Xesbío de control da xestión da biomasa, á que se destinan en 2022 un total de 700.000 euros, case o dobre que este ano.
Tamén se apostará pola consolidación de axudas como as de forestación e primas de mantemento (12,7 millóns que supoñen un aumento do 68 %) e de silvicultura e boa gobernanza das comunidades de montes veciñais (10,5 millóns), mentres se creará unha liña nova para fomentar as plantacións de castiñeiros e a recuperación de soutos tradicionais, dotada con 4,5 millóns de euros. Ademais, seguirase avanzando na execución de medidas como o Plan de pastos, que ten consignados case cinco millóns de euros en 2022 (un 58 % máis que este ano) para rematar coas súas dúas últimas fases previstas.
A maiores, José González destacou os 6,2 millóns de euros recollidos para obras de mellora de infraestruturas preventivas, os 3,5 millóns para a renovación e ampliación do parque móbil de extinción, os 2,1 millóns para a adquisición de vehículos para os axentes ambientais e os 1,21 millóns de euros dirixidos ao alugueiro de 137 pick-up para as brigadas. Canto a equipamentos, cómpre resaltar os 2,94 millóns de euros consignados para uniformes de profesionais do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais, así como para a dotación de maquinaria forestal. En paralelo, destínanse 1,2 millóns a equipos de protección individual para este operativo.
O conselleiro tivo unha mención tamén para os 500.000 euros que se investirán no Plan de formación do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, para aumentar os coñecementos do dispositivo en materia de queimas controladas, de manexo de aplicacións cartográficas e de xestión en materia de incendios en dispositivos móbiles, así como en seguridade das operacións.
Recuperación
Neste campo, o titular de Medio Rural salientou os 5,33 millóns de euros previstos para a elaboración de proxectos e realización de obras en polígonos agroforestais (na actualidade estase a traballar nunha decena) e aldeas modelo (hai 14 declaradas e medio cento en diferentes fases) e os 2,1 millóns para outras actuacións en materia de mobilización, recuperación e posta en valor da terra no marco da Lei de recuperación. A maiores, o conselleiro tamén aludiu aos máis de 12 millóns previstos para seguir avanzando nas reestruturacións parcelarias.
Na súa intervención, nomeou ademais os 600.000 euros incluídos para a ordenación de usos e plans integrais de xestión de terras, así como os 980.000 euros dirixidos á elaboración do Mapa de usos agroforestais de Galicia, punto de partida -dixo- do Catálogo de solos agropecuarios e forestais de Galicia, que permitirá colocar cada uso na súa mellor localización.
Así mesmo, o conselleiro sinalou os máis de 3,7 millóns de euros de fondos propios da Xunta (3,2 millóns máis que en 2021) destinados ao Plan de infraestruturas de regadíos, que suporán a construción de 42 pozos para a captación de augas na Limia. Nesa liña, engadiu que a Xunta estará vixiante para que o Goberno central cumpra tamén os seus compromisos: 15 millóns de euros para o regadío e 12 millóns para a limpeza de canles e dos camiños paralelos.
Calidade
Neste bloque, o conselleiro quixo ter unha mención para a gran marca paraugas Galicia Calidade, sinalando que a Xunta seguirá coas actuacións para impulsala no eido alimentario como garantía das extraordinarias cualidades que caracterizan os produtos da nosa terra con calidade diferenciada. Nesa liña, anunciou que os vindeiros 16, 17 e 18 de decembro se promoverá a Galicia rural da calidade alimentaria a nivel nacional e internacional nunha feira que terá lugar no Pazo de Quián.
Centrándose no groso das partidas, apuntou como novidade unha liña que avogará pola xeración de ciclos curtos de comercialización cun orzamento de 533.334 euros, o que suporá unha mellora das posibilidades de acceso ao mercado dos produtores de producións de calidade. Ademais, presupostarase outro medio millón para habilitar un sistema de poxa online de animais, conxuntamente coa Lonxa Agropecuaria de Galicia.
Na súa alocución, o titular de Medio Rural puxo de relevo os case 19,5 millóns orzamentados (unha suba dun 7 % con respecto a este ano) para apoiar aos investimentos en transformación e comercialización de produtos agroalimentarios, os preto de 4,5 millóns para liñas de apoio ao sector vitivinícola (outro 7 % máis), os máis de 1,6 millóns para a conservación das razas autóctonas (representando unha suba do 65 %) e os arredor de 1,3 millóns para a mellora da produción e da comercialización dos produtos apícolas. Adicionalmente, aludiu aos 1,8 millóns de euros (un 4 % de aumento) para a dotación dos laboratorios de sanidade animal e ao outro medio millón (un 11 % máis) para a mellora da calidade produtiva dos animais no marco do convenio subscrito co Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite.
Ao tempo, o conselleiro destacou os 2,4 millóns de euros (2,3 millóns máis) consignados para axudas dirixidas a grupos operativos co obxecto de que reforcen a participación do sector privado na investigación. Tamén falou dos 1,5 millóns (un 110 % máis) para investir en proxectos de agregación de coñecemento coa idea de potenciar a capacidade de xeración de valor engadido.
 

Imaxes relacionadas