A Xunta promocionará no 22º salón gastronómico Xantar de Ourense os produtos galegos de calidade do agro e do mar

A Consellería do Medio Rural terá un espazo institucional propio, dará cobertura a 14 empresas agroalimentarias galegas e organizará outros tantos obradoiros e degustacións a base de produtos galegos de calidade diferenciada

A Consellería do Mar contará cun posto de 48 m2 no que difundirá a calidade dos peixes e mariscos galegos coa campaña GALICIA SABE AMAR e tamén organizará degustacións e obradoiros cos produtos do mar como protagonistas
 

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2021

A Xunta, a través das consellerías do Medio Rural e do Mar, estará presente na 22ª edición de Xantar, o Salón internacional de turismo gastronómico que se celebra en Ourense do 3 ao 7 de novembro para facer promoción dos produtos de calidade do agro e do mar da nosa comunidade.
Así, pola súa parte, a Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, desenvolverá un amplo programa de actividades con ata 14 obradoiros e degustacións nos que se poderán coñecer e probar produtos galegos con Denominación de Orixe Protexida (DOP) e Indicación Xeográfica Protexida (IXP). É o caso do mel, as carnes (por primeira vez haberá unha degustación de vaca galega/boi galego), as augardentes, os produtos ecolóxicos, o pan, as patacas, os grelos, os queixos ou as castañas. Estes talleres serán impartidos por seis diferentes chefs de prestixio.
Os viños, as augardentes e os licores tradicionais de Galicia terán unha presenza destacada cun túnel de degustación de 168 m² no que poderán coñecerse as marcas gañadoras do concurso oficial Acios de Galicia e outras propostas enolóxicas da nosa comunidade.
Ademais, Medio Rural contará en Xantar cun espazo institucional de 36 m² onde se dará información aos asistentes sobre os produtos galegos e que contará cunha exposición deles. A maiores, un total de 14 empresas acompañarán neste evento á Consellería para expoñer e presentar os seus produtos, nun espazo expositivo de 84 m².
Pola súa banda, a Consellería do Mar acudirá a este certame cun posto de 48 m2 no que difundirá a calidade dos peixes e mariscos galegos coa campaña GALICIA SABE AMAR e organizará na Aula Mar de Xantar unha decena de degustacións.
A maiores, o venres 5 de novembro, coincidindo co día que esta feira dedica ao mar, celebraranse dous obradoiros das campañas Ti si que es un bo peixe e Fai clic ao teu bocata para a promoción do consumo de peixes e mariscos e de conservas entre o público infantil.
Obradoiros de Medio Rural
Os obradoiros programados pola Consellería do Medio Rural neste evento porán en valor, entre outros aspectos, a maridaxe entre os queixos con indicativo de calidade e a auga termal. Será o mércores, día 3, a través dun taller que será impartido polo chef Miguel González.

Ao día seguinte haberá, entre outras citas, unha degustación de produtos ecolóxicos (a cargo do chef Martín Mantilla) e diferentes catas, caso da de queixos premiados na XXIII Cata de Galicia ou da de viños brancos galardoados con Acios de Ouro neste 2021. Esta última organizarase coa colaboración da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia e a Asociación Galega de Enólogos. Tamén terá lugar un obradoiro con Lacón Galego, Faba de Lourenzá e Pataca e Grelos de Galicia a cargo do chef Xosé Magallhaes, así como outras catas de queixos con DOP, augardentes e viños tintos. Ademais, proxectarase o documental “Crónicas dunha viaxe á orixe do sabor, Augardente de Orujo”.
Na fin de semana o papel protagonista será para as sobremesas e as carnes, fundamentalmente. Así, o sábado celebrarase un taller de repostería con Mel de Galicia, Queixo Tetilla, Castaña de Galicia e Tarta de Santiago, que será impartido polo chef Manuel Ángel Garea e haberá tamén unha cata comentada das augardentes e licores tradicionais premiados nas Catas oficiais de 2021 que organiza a Xunta.
Por último, o domingo a mediodía terá lugar un obradoiro centrado na Ternera Gallega e os novos cortes para unha cociña saudable e divertida, a cargo do chef Javier Rodríguez Ponte “Taky”. A seguir celebrarase outro taller, neste caso sobre Vaca Galega/Boi Galego que será impartido polo chef Héctor López. O programa de actos pecharase a primeira hora da tarde cunha cata comentada dos meles premiados na XIX Cata dos Meles de Galicia.
Obradoiros de Mar
A Consellería do Mar ten programadas dúas catas diarias entre o mércores 3 e o domingo 7 de novembro nas que os protagonistas serán produtos como o mexillón de Galicia, os peixes e mariscos da pesca artesanal amparados baixo o selo de calidade pescadeRías, produtos ecolóxicos, conservas, pescada do pincho, palometa negra, bonito do norte ou rodaballo.
As receitas destas degustacións serán elaboradas polos chefs Emma Pinal, do restaurante Gastrobar O Birrán (Rivadavia); Maica Couto, da Ostrería (Santiago de Compostela); Begoña Vázquez, do Regueiro da Cova (Verín); Alejandro Iglesias, do restaurante Cabanas (Lalín), e José Manuel Mallón, do espazo gastronómico Remollo (Ames).


A Xunta realizará estas degustacións coa colaboración de entidades como os consellos reguladores do Mexillón de Galicia e de Agricultura Ecolóxica de Galicia, a confraría de pescadores de Fisterra, Anfaco-Cecopesca, a Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo, a Organización de Produtores de Pesca de Palangre (Orpal) e Armadores de Burela (ABSA).