O Sergas e as organizacións sindicais inician a negociación dun novo pacto de selección de persoal estatutario temporal

O obxectivo é acadar un documento consensuado que regule os procedementos de selección temporal durante os vindeiros 4 anos

O sistema de listaxes conta con máis de 80.000 persoas inscritas
 

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2021

A directora xeral de Recursos Humanos, Ana Comesaña Álvarez, presidiu a constitución da Comisión Técnica que se encargará de confeccionar o novo pacto de selección de persoal estatutario temporal do sistema galego público de saúde.
O departamento sanitario da Xunta de Galicia e as organizacións sindicais (CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT), traballan conxuntamente na procura de acadar un documento consensuado que regule os procedementos de selección temporal durante os vindeiros 4 anos.
Cómpre destacar, que o sistema de listaxes conta con máis de 80.000 persoas inscritas, e que pertencen a 98 categorías e especialidades diferentes.
Nesta primeira xuntanza, a Administración sanitaria presentou un borrador no que se achega a regulación dos apartados I e II, relativos ás normas xerais e a selección de aspirantes. Así, este documento inicial incorpora boa parte das propostas de mellora que foron remitidas polas diferentes xerencias e organizacións sindicais.
Na mesma liña, o Servizo Galego de Saúde está a traballar, para a súa futura presentación e análise por parte da Comisión, nun novo modelo de xestión de chamamentos coa incorporación das novas tecnoloxías nesta fase. Mediante esta novidade, preténdese dotar ao proceso de contratación temporal dunha maior celeridade e axilidade, co ánimo de dar unha pronta resposta ás necesidades asistenciais que xurdan, ao tempo que se consigue unha maior comodidade para o aspirante.