A Xunta apoia con 700.000 euros a creación e difusión de novos produtos turísticos sustentables

A Vicepresidencia Primeira, a través de Turismo de Galicia, asinou un convenio de dous anos de duración co Clúster Turismo de Galicia para colaborar na incorporación da sustentabilidade nos servizos e produtos turísticos

A directora de Turismo de Galicia participou na presentación das liñas de traballo nas que o Clúster Turismo de Galicia está a traballar para desenvolver e comercializar servizos e produtos turísticos que respondan ás novas necesidades dos viaxeiros, xurdidas trala pandemia.

Mediante este convenio crearase un Clube do Produto Turístico Sostible, entre outras accións orientadas a incorporar novos produtos turísticos especializados na canle de comercialización do turismo galego
 

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2021

Co obxectivo de crear e comercializar novos produtos turísticos sustentables, a Vicepresidencia Primeira, a través de Turismo de Galicia, e o Clúster Turismo de Galicia veñen de asinar un convenio bianual por importe de 700.000€.

Esta mañá presentáronse as principais liñas de traballo que xa se están despregando para seguir avanzando na adaptación e mellora da rendibilidade do sector turístico galego. O acto, no que participou o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, serviu tamén para dar a coñecer exemplos de produtos turísticos sustentables que se están a desenvolver, como o Camiño Clean, de Tee Travel.

Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou a necesidade de que o sector siga traballando no cumprimento da folla de ruta trazada no Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro, no que a sustentabilidade é un dos seus piares fundamentais, “unha sustentabilidade entendida en 360 graos, desde un punto de vista social, económico e medioambiental, que nos permita dar resposta ás novas necesidades e sensibilidades do viaxeiro construíndo novas propostas de recuperación”, explicou Nava Castro. O sector apoiarase na dixitalización como elemento transversal imprescindible nun proceso de transformación do sector turístico “que conta e seguirá contando co apoio do Goberno galego”.

Entre as actuacións previstas no marco deste convenio -que conta cun orzamento de 200.000 euros para este ano e os restantes 500.000 euros para 2022- atópase a creación dun Club de Produto Turístico Sustentable, así como as labores de apoio para a súa posta en marcha, definición e apoio á comercialización tanto a nivel maiorista como de receptivo. No marco deste convenio de colaboración tamén se traballará no ámbito da dixitalización e se creará unha web cos produtos que se incorporen a este club, que posteriormente se promocionarán a través de diferentes accións como viaxes de familiarización ou campañas de promoción en medios dixitais.

Finalmente, o convenio prevé a creación e distribución de material de promoción a través de turoperadores a axencias e a organización de viaxes de familiarización e prescrición, para dar a coñecer estes novos produtos e servizos turísticos que veñen dar resposta á nova realidade turística xurdida trala pandemia.
 

Imaxes relacionadas