A Xunta destaca en Vigo o labor dos graduados sociais para acadar unhas relacións laborais máis xustas que respecten os dereitos dos traballadores

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe en Vigo no 40 aniversario do Colexio Oficial de Graduados Sociais de Pontevedra

Sinalou o importante traballo que este colectivo desenvolveu nos peores meses da pandemia coa tramitación dos Erte

Mancha avogou por continuar reforzando a colaboración da Xunta cos graduados sociais para poñer en marcha iniciativas como o servizo de orientación xurídica-laboral que de xeito gratuíto presta asesoramento ás persoas traballadoras no eido das relacións laborais
 

Vigo, 29 de outubro de 2021

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, puxo en valor hoxe en Vigo o traballo que desempeñan os graduados sociais galegos no acto de celebración do 40 aniversario do colexio oficial de Pontevedra. Destacou a importancia desta profesión que permite, en palabras de Mancha, “xerar dinámicas orientadas a lograr unhas relacións laborais máis xustas con respecto aos dereitos das persoas”, ao tempo que sinalou o importante labor que desenvolveron nos meses máis duros da pandemia axudando á tramitación dos Ertes, entre outras tarefas.
A directora xeral apuntou, así mesmo, que a colaboración entre os graduados sociais e as administracións ten que ser constante e, neste senso, indicou “a boa sintonía” que existe entre a Xunta e os colexios oficiais. Ao respecto, lembrou o último convenio de colaboración que se asinou entre a Consellería de Emprego e Igualdade e os tres colexios oficiais de graduados sociais (A Coruña-Ourense, Lugo e Pontevedra) para poñer en marcha un servizo de orientación xurídica-laboral que de xeito gratuíto presta asesoramento ás persoas traballadoras no eido das relacións laborais. nas sedes dos tres colexios.
O obxectivo é achegar información e mellorar a orientación e o asesoramento aos traballadores galegos en materia laboral. Así, aténdense consultas relacionadas con diferentes temáticas como son, por exemplo, as prestacións contributivas e non contritubitvas, conflitos ou dúbidas no marco das relacións laborais. Ademais, esta orientación esténdese a outros aspectos vencellados á iguladade no entorno de traballo: á non discriminación por razón de ningún tipo e á identificación e denuncia do acoso sexual, entre outros.