Lete Lasa asegura que Galicia será a orixe do camiño da selección nacional de hóckey cara o ouro de París 2024

Destaca a importancia de instalacións deportivas de primeiro nivel como o campo de hóckey de Mariñamansa e lembra o apoio da Xunta na cidade con instalacións como o campo de fútbol do Couto, o pavillón dos Remedios, a pista cuberta de Expourense ou o complexo deportivo de Monterrei


 

Ourense, 29 de outubro de 2021

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe da presentación do programa ‘Road to Paris’ da selección española absoluta masculina de hóckey que está concentrada no campo de Mariñamansa do 27 ao 31 de outubro, como primeira parada do plan da Real Federación Española de Hockey para a preparación e clasificación para os Xogos Olímpicos de París 2024.
Nas súas verbas, Lete Lasa, destacou que Galicia, acostumada a ser "destino do camiño de milleiros de peregrinos, especialmente nun Ano Santo como este, hoxe é orixe, comenzo e punto de partida doutro camiño, o que emprende o conxunto conformado polo novo adestrador Max Caldas de cara París 2024". Do mesmo xeito, o mandatario galego celebrou que, "por primeira vez, unha das mellores seleccións do mundo, con algúns dos mellores xogadores do planeta e cun dos adestradores máis laureados, está en Galicia".
O secretario xeral para o Deporte asegurou que o stage da selección española absoluta e sub 21 no campo de hockey de Mariñamansa, unnha instalación que foi impulsada pola Xunta de Galicia xunto ao Concello de Ourense e o CSD e que ratifica o compromiso do Goberno galego coas instalacións deportivas da cidade como demostra a renovación do campo de fútbol do Couto, a reforma do Pavillón dos Remedios, a construción da mellor pista cuberta de atletismo de España ou a remodelación do complexo deportivo de Monterrei.
Lete Lasa destacou algúns dos éxitos do hóckey galego e ourensano, así como os seus referentes máis senlleiros como os adestradores Carlos García Cuenca ou José Brasa, que gañou o ouro olímpico en Barcelona 92; o árbitro internacional Daniel González, as irmás Piñeiro, Rebeca e Olalla; as xogadoras máis novas que veñen por detrás como Lucía Lamelas e Carlota Álvarez; e os xogadores máis destacados como Antón Parente, Xurxo Cid ou Manu Prol, convocado por Max Caldas para este SuperCAmp de Mariñamansa e ao que lle desexou a mellor das sortes.
 

Imaxes relacionadas