Política Social impulsa o coñecemento do dron no rural a través do programa ‘Agrodron’ ao abeiro de Iniciativa Xove

Este proxecto pon en marcha obradoiros que axudan na obtención da licenza de piloto, para familiarizar na construción de drons e para aplicalos á empresa rural

O Goberno galego financia 85 propostas lideradas pola xuventude, ás que apoia con 400.000 euros
 

Ponteceso (A Coruña), 4 de outubro de 2021.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou hoxe nas xornadas que a Fundación Eduardo Pondal organiza para 23 escolas unitarias. Alí, a Escola Familiar Agraria Fonteboa de Coristanco deu a coñecer o seu proxecto Agrodron, impulsado a través do programa Iniciativa Xove da Xunta de Galicia, que fomenta o coñecemento do dron no rural.

Coa posta en marcha de Agrodron, a Escola Familiar Agraria de Fonteboa e o Goberno galego procuran a capacitación de mozas e mozos no uso de drons como ferramenta de traballo no medio rural. Para este obxectivo prográmanse obradoiros para axudarlles na obtención da licenza de piloto, para familiarizalos na construción deste aparello e para darlles a coñecer as posibilidades profesionais destes dispositivos aplicados á empresa rural.

A Administración autonómica financia a través de Iniciativa Xove 85 proxectos liderados pola xuventude, nos que a mocidade é a protagonista, a través da planificación e realización das actividades. O Goberno galego achega preto de 400.000 euros a este programa, ao que xa leva destinado 6 millóns de euros para financiar unhas 1.500 ideas desde que se puxo en marcha hai 11 anos.
 

Imaxes relacionadas