A conselleira de Política Social, Fabiola García, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para informar das contas do seu departamento para o ano 2022

Politica Social creará nos vindeiros meses 315 prazas en residencias públicas de maiores e 280 de atención á discapacidade

O Proxecto de orzamentos da Xunta contemplan un investimento en Política Social de 927,4 millóns de euros, o dobre que en 2009

Duplicarase a extensión da rede de Puntos de Encontro Familiar (PEF) dos sete actuais ata os 14, coa apertura dun no Barbanza e doutros seis comarcais

Incorpórase unha partida de 340.000 euros para poñer en marcha un teléfono de atención no marco da Estratexia galega de soidade non desexada

Este mesmo ano darase luz verde á primeira normativa galega do cohousing

Antes de que remate do período de sesións, a conselleira comparecerá na Cámara autonómica para explicar o novo modelo de residencias

Elévanse máis dun 24% os fondos para os servizos sociais municipais, ata chegar aos 19 millóns de euros

Impúlsase por vez primeira o programa Talento Interxeracional para achegar aos mozos as experiencias vitais das persoas maiores

Crearanse catro centros de servizos sociais: a nova residencia pública de Antas de Ulla; a escola infantil pública da Guarda, a residencia piloto de Ribeira e o centro de atención á discapacidade de Ourense

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para informar das contas do seu departamento para o ano 2022, onde destacou que se crearán 315 prazas residenciais de maiores e outras 280 de atención tanto diúrna como residencial para persoas con discapacidade. No seu conxunto, os orzamentos para políticas sociais chegarán aos 927,4 millóns de euros, un 14,2% máis con respecto aos deste exercicio e o dobre que os destinados a esta área en 2009.

Fabiola García manifestou que esta subida orzamentaria permitirá “dar máis certezas ás familias galegas no momento que máis as necesitan”. Neste sentido, lembrou que Galicia se converteu nunha referencia a nivel nacional na atención á infancia con medidas como a gratuidade para segundos fillos e sucesivos, aplicada desde abril do ano 2020, ou as incluídas na Lei de impulso demográfica, aprobada o pasado mes de febreiro. A aposta da Xunta en materia de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica elevará o investimento para o ano 2022 neste eido a 168,3 millóns de euros.

Esta contía permitirá duplicar a extensión da rede de Puntos de Encontro Familiar (PEF), que pasarán dos sete actuais a 14 coa apertura do PEF do Barbanza e doutros seis novos centros comarcais. Así mesmo, contémplase unha partida de 700.000 euros para poñer en marcha o primeiro centro de Galicia especializado na atención a menores tutelados con trastornos de saúde mental, un modelo que será pioneiro en España.

Tamén se blindarán medidas como a Tarxeta Benvida, á que se destinarán 30,5 millóns de euros máis, que se suman aos 100 millóns de euros investidos nesta prestación desde a súa posta en marcha en 2016, e que se incrementarán de ser necesario. Mantense en 1,8 millóns o investimento no Bono Concilia, que a finais deste curso deixará paso á gratuidade total nas escolas infantís; resérvanse 600.000 euros para o Bono Coidado e elévase un 10%, ata os 2,4 millóns de euros, o orzamento destinado ás casas niño para superar os 100 centros en funcionamento.

Investimento récord para Axuda no Fogar

Fabiola García destacou que Galicia seguirá a traballar para liderar a nivel nacional unha reflexión sobre o papel das persoas maiores na nosa sociedade e avanzar nun mellor sistema de coidados. Con este obxectivo, a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade incrementa o seu orzamento nun 11,3% (ata os 328,2 millóns de euros); e a Dirección Xeral de Atención Integral Sociosanitaria contará cun 31,3% máis de fondos (ata os 232,4 millóns de euros).

Os orzamentos recollen unha aposta histórica por reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que sube o seu investimento nun 21,5% e supera por vez primeira a barreira dos 100 millóns de euros. Ademais, incorpórase unha partida de 340.000 euros para poñer en marcha un teléfono de atención no marco do desenvolvemento da Estratexia galega contra a soidade non desexada.

Para favorecer o envellecemento de proximidade, tamén aumenta un 20% o orzamento destinado ás casas do maior, o que permitirá rematar o ano con máis de 120 centros; e recuperarase o autobús de coidados porta a porta, para o que se destinan 4,8 millóns de euros. Outra das novidades é que, antes de que finalice o ano, se dará luz verde á primeira normativa galega de cohousing.

Respecto ao novo modelo de coidados, a conselleira anunciou que antes de que remate o actual período de sesións comparecerá ante a Cámara autonómica para explicar polo miúdo as conclusións do traballo levado a cabo polo Comité asesor sociosanitario.

Máis de 50 unidades de atención temperá

En materia de discapacidade, o Goberno galego incrementará nun 82%, ata os 6,2 millóns de euros, os fondos destinados á rede galega de atención temperá para ampliar as unidades das 36 actuais a máis de 50. Deste xeito, búscase previr e tratar trastornos do desenvolvemento en nenas e nenos de ata seis anos.

Coa creación das 280 prazas públicas de atención diúrna e residencial prevista nos orzamentos superaranse as 5600 en total, un 30% máis que no ano 2009. Ademais, a conselleira lembrou que se incrementarán os fondos dirixidos a entidades sociais. Destinaranse 9,3 millóns de euros para garantir a súa sustentabilidade financeira e elevarase nun 65%, ata os 10 millóns de euros, o importe a cargo do recadro social do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF).

Máis fondos para as entidades e os servizos sociais

A conselleira sinalou que nun momento no que se está reordenando o mapa de prestacións sociais pola entrada en vigor do Ingreso Mínimo Vital, a Dirección Xeral de Inclusión Social mantén un orzamento de 118,6 millóns de euros. Unha contía que servirá para responder ás demandas dos perceptores da Renda de inclusión social de Galicia, que contará cun orzamento de 44 millóns de euros.

Para responder ás necesidades inmediatas, os orzamentos tamén contemplan unha contía de 4 millóns de euros para as Axudas de Inclusión Social e de 6 millóns de euros para a Tarxeta Básica, unha medida pioneira que supuxo un apoio fundamental para 24.000 fogares. Ademais, Fabiola García apuntou que o Goberno galego traballa ao carón dos expertos na reforma da Lei de inclusión social de Galicia para adaptarse á nova realidade.

Nesta liña, subliñou que a Xunta de Galicia reforzará o programa de loita contra os desafiuzamentos nas sete cidades con 700.000 euros e incrementarase nun 5,3% os fondos para os equipos de inclusión das oficinas do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

As contas de Política Social tamén recollen un incremento dos fondos para os servizos sociais municipais e as entidades sociais, “aliados excepcionais na atención aos fogares máis vulnerables”, apuntou Fabiola García. Para os Concellos, a través do Plan Concertado e da orde de axudas de inclusión, elévase o investimento nun 24,3%, ata chegar os 19 millóns de euros. A achega ás entidades sociais con cargo ao recadro social do IRPF acada os 6,5 millóns, isto é, un aumento do 65% con respecto aos orzamentos do 2021. O total destes fondos, que tamén atende a outros ámbitos, chegará aos 20,7 millóns de euros.

Talento Interxeracional

A conselleira tamén sinalou que a Xunta buscará achegar as ferramentas necesarias á xuventude galega para afrontar o seu futuro. Neste sentido, remarcou que o orzamento destinado á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado incrementarase no próximo ano nun 7,7% ata chegar aos 18,5 millóns de euros.

Uns fondos que servirán para reforzar os programas xa existentes como a campaña de verán, á que se destinan 3 millóns de euros, pero tamén para impulsar novas medidas como o novo programa Talento Interxeracional, que pretende achegar aos mozos a experiencia que acumularon as persoas maiores ao longo dos anos e para o que se investirán 800.000 euros.

Catro novos centros e melloras no 80% das instalacións

A Consellería de Política Social sobe nun 60% o orzamento previsto para a reforma e creación de novos centros, que en 2022 ascenderá a 39 millóns. Nestes fondos non se inclúen as sete residencias que construirá, financiará e equipará a Fundación Amancio Ortega, que ata a súa posta en funcionamento non custarán nin un só euro ao erario público.

Estes orzamentos inclúen a mellora das instalacións do 80% dos centros residenciais de menores, maiores e persoas con discapacidade, así como a creación de catro centros de servizos sociais: a nova residencia pública de Antas de Ulla; a escola infantil pública da Guarda, que se porá en marcha no vindeiro curso con 41 prazas; a residencia piloto de Ribeira, o primeiro centro baseado integramente no novo modelo de coidados e na que se investirán 10 millóns de euros; e o centro de atención á discapacidade de Ourense, en cuxa fase final se investirán 6,2 millóns de euros.

Imaxes relacionadas