A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade presentoulle aos representantes do Concello de Cee e das confrarías de Corcubión e de Fisterra as actuacións da 1ª fase da mellora do sistema de saneamento
Ethel Vázquez destaca a licitación por máis de 8,1 M€ da mellora do saneamento da ría de Cee-Corcubión como exemplo da preocupación da Xunta pola calidade das augas e por apoiar os concellos
Vázquez Mourelle salienta que o obxectivo é que o contrato estea adxudicado no 1º trimestre de 2022 para empezar as obras na primavera e que estean rematadas a finais de 2023
O obxectivo é poñerlles fin aos problemas de infiltracións de auga de mar e de chuvia nas redes de saneamento, que provocan vertidos aos ríos e a prohibición de baño na praia de Cee, prexudicando tamén a actividade dos profesionais do mar
Renovarase o colector das Laxes e construiranse un tanque de tormentas, un novo colector nas Monxas e un novo bombeo ata a depuradora
A conselleira destaca que o proxecto achegará “valor engadido” ao municipio coa integración paisaxística do tanque de tormentas, cun merendeiro, un paseo, un parque infantil e mesmo un rocódromo
Lembra que a Xunta tamén vén de iniciar a redacción do proxecto da nova depuradora de Cee
As empresas interesadas teñen de prazo ata o 9 de decembro para presentar as súas ofertas aos traballos, que teñen un prazo de execución de 18 meses
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe a licitación por máis de 8,1 millóns de euros das obras de mellora do saneamento da ría de Cee-Corcubión como exemplo da preocupación da Xunta pola calidade das augas e por apoiar aos concellos nas súas competencias.
Vázquez Mourelle presentoulles hoxe estas actuacións aos representantes do Concello e das confrarías de Corcubión e de Fisterra.
A Plataforma de Contratos da Xunta publica hoxe esta licitación, cun prazo ata o 9 de decembro para que as empresas presenten as súas ofertas. Os traballos teñen un prazo de execución de 18 meses.
A responsable de Infraestruturas indicou que o obxectivo é que o contrato poida estar adxudicado no primeiro trimestre de 2022 para empezar a continuación a execución das obras, previsiblemente na primavera e que, dese xeito, estean rematadas a finais de 2023.
Estas obras están cofinanciadas com fondos europeos do programa operativo Galicia Feder 14-20.
Trátase da primeira fase da mellora do sistema de saneamento de Cee e Corcubión, que se porá en marcha o vindeiro ano, tras un exhaustivo traballo de análise do sistema de saneamento destes dous municipios.
Explicou que o sistema presenta deficiencias nos bombeos, na rede de colectores e nos pozos de rexistro, con abundantes entradas de auga de mar e de chuvia, que provocan vertidos e dificultan o funcionamento da depuradora, tamén obsoleta.
Estes problemas severos da rede de saneamento municipal de Cee, ademais de provocar eses vertidos aos ríos, tamén causan que a praia urbana teña habitualmente indicación de prohibición do baño e prexudican, ademais, a actividade dos profesionais do mar.
Detallou que para solucionar estes problemas se proxectan a renovación do colector das Laxes, reparándose as canalizacións da marxe dereita do río; a construción dun tanque de tormentas; a execución dun colector que substituirá o bombeo das Monxas e que conducirá as augas ata o tanque de tormentas e cara á depuradora.
Indicou que tamén se habilitarán un ‘by-pass’ e un colector de vertido, que permitan que as augas sexan dirixidas ao tanque de tormentas ou aliviadas; e se construirá un novo bombeo ata a depuradora desde o tanque de tormentas.
Subliñou que esta actuación ambiciosa e complexa, ademais de solucionar os problemas das redes de saneamento, achegará valor engadido ao municipio, coa integración paisaxística do tanque de tormentas, cun merendeiro, un paseo, un parque infantil e mesmo un rocódromo.
Apoio aos municipios
Lembrou que a Xunta tamén vén de iniciar a redacción do proxecto da nova depuradora, o que amosa a aposta autonómica por apoiar aos municipios galegos na solución dos seus problemas para a xestión dos servizos urbanos do ciclo da auga.
Recordou que para ampliar, estender e regular este apoio aos municipios, o Goberno galego está a impulsar a Lei de mellora da xestión do ciclo da auga.
Fixo fincapé en que o Executivo autonómico leva investido desde o ano 2009 máis de 1.100 M€ en actuacións de saneamento e abastecemento nos concellos galegos.
Avanzou que este traballo continuará o vindeiro ano, pois os Orzamentos da Xunta para 2022 reservan outros 100 M€ para actuacións de saneamento, depuración e abastecemento, axudando aos municipios na xestión deses servizos urbanos e mellorando a calidade das augas, con especial atención ás rías.