Medio Ambiente incrementa nun 3% a superficie nas que se deberán aplicar medidas para evitar a colisión e electrocución da avifauna nas liñas de alta tensión
Súmanse máis de 22.000 hectáreas de zonas de protección, que supoñen máis de 765.000 hectáreas na Comunidade galega
A Xunta de Galicia incrementa nun 3%, ata un total de 765.238 hectáreas, a superficie na que se deberán aplicar medidas para evitar a colisión e electrocución da avifauna en liñas eléctricas de alta tensión.
En concreto, suma máis de 22.000 hectáreas á delimitación das áreas prioritarias de reprodución, alimentación, dispersión e concentración local de aves incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe a resolución pola que se que adaptan estas áreas e se actualiza así o inventario publicado en 2018 –no que se establecían 742.991 hectáreas—, despois de recompilar e analizar a información sobre o uso do territorio de exemplares das especies de aves incluídas no devandito Catálogo, e concretamente da aguia real (Aquila chrysaetos L.).
O ámbito de protección para a avifauna existente no territorio galego inclúe as zonas de especial protección para as aves (ZEPA); as áreas de presenza e prioritarias dos plans de recuperación e conservación aprobados pola Comunidade para as especies de aves incluídas no Catálogo; e as áreas prioritarias de reprodución, alimentación, dispersión e concentración local —que son as que se actualizan agora—, cando ditas zonas non se atopen xa comprendidas nas correspondentes aos tipos anteriores.