A Xunta coordina con éxito un simulacro de activación do Plan de emerxencia exterior da empresa Foresa en Vilagarcía

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, participaron na actuación xunto con 30 persoas para comprobar a coordinación en caso de emerxencia real e mellorar a resposta do Plan

No exercicio simulouse un verquido de metanol pola rotura do brazo de carga dun camión cisterna

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 27 de outubro de 2021

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, participaron esta mañá no simulacro de activación do Plan de Emerxencia Exterior (PEE) da empresa Foresa dende o Centro de Coordinación Operativo (CECOP) instalado no edificio do Centro de Control próximo ao Peirao Comercial.
A Xunta colaborou nesta actuación coa empresa Foresa, a Autoridade Portuaria de Vilagarcía e o Concello de Vilagarcía co obxectivo de poñer a proba o Plan en caso de emerxencia real e garantir unha rápida resolución. Ademais, servirá para proceder á actualización e revisión do PEE incidindo naqueles aspectos nos que se considere preciso actuar para mellorar a operatividade. Dentro do mesmo exercicio procedeuse inicialmente á activación do Plan de Emerxencia Interior da terminal e, a continuación, do Plan de Emerxencia Interior do Porto, xa que os plans se activan en cadea en función da importancia do suposto que se aborda no simulacro.
Con este exercicio, no que participaron máis de 30 efectivos preténdese comprobar que os procedementos de traballo e os medios humanos e materiais, operasen con total coordinación. O resultado foi positivo por parte de todos os axentes participantes.

O simulacro comezou ás 11,23 horas, e baseouse nun vertido de metanol pola rotura do brazo de carga dun camión cisterna. No exercicio interveu persoal da empresa Foresa e da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, xunto coa mobilización de efectivos do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento do Consorcio de Pontevedra, Policía Portuaria, Policía Local, Garda Civil e Servizo Municipal de Protección Civil do Concello de Vilagarcía e persoal e medios da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

Ás 12,10 horas a situación do simulacro deuse por controlada, sen perigo para as persoas e os bens, dándose por desactivado o PEE coa finalización do exercicio.
Máis aló dunha maior presenza de medios de emerxencias na zona e os controis establecidos nas inmediacións do porto, non se viu afectado o normal desenvolvemento das actividades das empresas da contorna. No obstante, nos centros de traballo máis próximos ás instalacións de Foresa procedeuse a confinar de forma simultánea aos traballadores.

A Xunta destaca a importancia da aposta pola prevención como mellor ferramenta de resposta ante as posibles emerxencias.

Imaxes relacionadas