Conde advirte de que sen prezo eléctrico estable e competitivo non hai solución para Alu Ibérica

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asegurou esta mañá, no Parlamento, que se trata dun problema enerxético, e non industrial, xerado pola transición inxusta e desordenada do Goberno

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, insistiu esta mañá, no Parlamento galego, en que sen prezo eléctrico estable e competitivo non hai solución para Alu Ibérica.

Conde reiterou que o problema de Galicia non é industrial, senón enerxético, causado pola transición enerxética inxusta e desordenada que está a levar o Goberno central e que comezou en 2018 coa falta dunha solución para a industria electrointensiva.
O vicepresidente económico incidiu en que a falta dun prezo estable e competitivo está afectando ao tecido empresarial.

No caso da industria electrointensiva, terá que pagar 1500M€ máis este ano pola electricidade que as competidoras europeas, xa que a diferenza supera os 72€/MWh con respecto a Francia e os 39 con respecto a Alemaña, cando as diferenzas en 2019 eran de 20 e 25€/MWh, respectivamente. Por iso, asegurou que non haberá solución para as plantas de Alu Ibérica na Coruña e Avilés, nin para Alcoa San Cibrao mentres o Goberno non estableza medidas estruturais que reformen o sistema eléctrico.

Neste sentido, Galicia xa propuxo actuacións como elevar ata 450 millóns de euros as axudas compensatorias por custos de emisións indirectas de CO2, activar o Fondo Español de Reserva para Garantías de Entidades Electrointensivas, convocar as poxas de electricidade de enerxía renovable para a adquisición por parte dos consumidores electrointensivos ou establecer mecanismos substitutivos da interrompibilidade.

Conde insistiu en que a Xunta comparte a preocupación dos traballadores pola situación que vive a factoría coruñesa e que sempre estivo, está e estará ao seu carón na procura dunha alternativa integral que lles ofreza emprego estable e con futuro.

Imaxes relacionadas