Luis López garante o “máximo apoio” da Xunta a Protección Civil de Lalín no acto de entrega de carnés a once voluntarios

O delegado territorial en Pontevedra, acompañado polo alcalde, José Crespo, visita a sede da agrupación e formaliza a incorporación de novos integrantes ou a renovación da identificación dalgúns membros da entidade, que conta con 25 efectivos

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior fixo achegas por case 100.000€ para os seus gastos de funcionamento e adquisición de material, como un equipo de excarceración, un desfibrilador, un esparexedor de sal, un remolque de emerxencias ou unha pértiga e un traxe para a erradicación de niños de vespa velutina

Lalín, 26 de outubro de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, garantíu o “máximo apoio” da Xunta de Galicia á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Lalín para seguir impulsando os seus servizos de atención cidadá e de xestión das emerxencias durante a visita que realizou esta tarde á sede da entidade.
O representante autonómico acudíu xunto ao alcalde de Lalín, José Crespo, e outros representantes municipais para coñecer o seu funcionamento e facer entrega dos carnés oficiais de voluntarios, expedidos pola Xunta de Galicia, a once voluntarios. Os beneficiarios veñen de incorporarse á entidade nos últimos meses ou ben levan tempo na agrupación, pero precisaban renovar o seu elemento de identificación, que debe ser actualizado cada catro anos no marco do proceso de regularización das Agrupacións de Protección Civil da provincia de Pontevedra.
“Esta agrupación leva décadas de servizo desinteresado e altruísta a prol da cidadanía de Lalín e incluso, en moitas ocasións, da comarca do Deza e de moitos outros puntos de Galicia e ademais actúa cunha eficacia, eficiencia e esforzo que son dignos de eloxio. Dan unha cobertura de primeiro nivel e están sempre pendentes do que precisa a cidadanía, especialmente nos momentos máis complexos, polo que é, dende hai moito tempo, unha das agrupacións máis destacadas da provincia e de toda Galicia, polo que merece sobradamente o apoio que lle prestamos dende o Goberno galego”, detallou Luis López, que salientou a elevada participación de voluntarios nesta entidade, xa que conta con 25 efectivos.
Protección Civil de Lalín recibíu, ao longo dos últimos cinco anos, preto de 100.000 euros da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para os seus gastos ordinarios de funcionamento e para a adquisición de material, como un equipo de excarceración, un desfibrilador, un esparexedor de sal, un remolque de atención para emerxencias, unha carpa ou unha pértiga e un traxe para a erradicación de niños de vespa velutina, que serven para mellorar e ampliar os seus servizos de atención cidadá.

Imaxes relacionadas