A Xunta distribuíu 370.000€ de axudas á hostalería dos concellos da provincia de Lugo adheridos á plataforma do Goberno galego

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, destacou hoxe que o Goberno galego repartiu 2,5M€ de axudas dos municipios galegos para destinar a 2.400 hostaleiros dos seus concellos a través do sistema da Xunta para abonar os fondos do Plan de Rescate co obxectivo de axilizar os pagos

A maiores, máis de 4.800 negocios de hostalería da provincia lucense recibiron máis de 11M€ das dúas convocatorias dos Plans de Rescate cos que a Xunta inxectou 90M€ no sector

O Goberno galego leva investidos 120M€ na recuperación do sector turístico, entre as axudas dos dous Plans de Rescate e as distintas medidas e liñas de axudas postas en marcha ao longo deste ano
 

Chantada (Lugo), 26 de outubro de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, fixo hoxe balance das axudas aos locais de hostalería por parte dos concellos da provincia de Lugo que decidiron empregar a plataforma da Xunta destinada a abonar as contías dos beneficiarios das dúas convocatorias do Plan de Rescate. Esta medida permitiu distribuír 2,5 millóns de euros entre 2.400 hostaleiros da comunidade e, no caso da provincia de Lugo, uns 370.000 euros entre 369 establecementos de 12 concellos.

Na súa visita hoxe, acompañada do delegado territorial da Xunta de Lugo, Javier Arias, a un dos establecementos beneficiarios na provincia, lembrou que os municipios interesados en repartir as súas axudas aos hostaleiros a través da plataforma da Xunta sumáronse de forma voluntaria aos convenios para que o Goberno galego axilizase e adiantase os pagos aos hostaleiros do seu municipio afectados polo peche conforme a normativa ditada polas autoridades sanitarias.

Natalia Prieto sinalou que o sistema foi moi ben acollido polos concellos e un total de 64 municipios galegos sumáronse ao convenio ofrecido pola Xunta para colaborar por esta vía co sector, tendo en conta a escaseza de medios materiais e persoais para facer fronte a este traballo nas entidades locais. Ademais, desta forma foi posible levar a cabo unha tramitación moito máis áxil e con menos trámites e burocracia para que as axudas chegasen canto antes a un dos sectores máis afectados pola pandemia.

No caso da provincia de Lugo, as axudas chegaron a 12 establecementos de Baralla, 34 de Cervo, 67 de Chantada, 7 de Mondoñedo, 13 de Outeiro de Rei, 15 de Pantón, 30 de Quiroga, 24 de O Saviñao, 17 de Sober, 14 de O Vicedo, 118 de Viveiro e 18 de Xove.

Estes municipios interesados en repartir as súas axudas á hostalería empregando a plataforma da Xunta formalizaron un convenio tipo para que o Goberno galego adiantase a cantidade que tiñan previsto destinar aos seus propios hostaleiros, que se lles detraerá, segundo decidise cada entidade local ao formalizar o acordo, ben con cargo ás transferencias do Fondo de Cooperación Local ou con cargo ás partidas orzamentarias municipais.

Estas axudas súmanse ás habilitadas polo Goberno galego cos seus dous Plans de Rescate, que permitiron mobilizar en menos de seis meses máis de 182 millóns de fondos propios a autónomos, microempresas e negocios de hostalería. Case a metade do orzamento corresponde á hostalería con 90 millóns de euros, dos que máis de 11,2 millóns corresponden á provincia de Lugo para atender máis de 4.800 solicitudes de negocios de hostalería. “A Xunta foi a primeira Administración en inxectar liquidez aos negocios afectados polas restricións da covid-19”, subliñou Natalia Prieto. “A nosa prioridade foi que as axudas chegasen canto antes aos sectores máis afectados pola pandemia”.

Por comarcas, os hostaleiros de Chantada recibiron 748 axudas por un importe de 1,7 millóns de euros nos dous plans de rescate; en A Mariña abonáronse 933 axudas, por unha contía de 2,3 millóns; e na comarca de Lugo repartíronse 3.153 axudas, cun desembolso por parte da Administración autonómica de máis de 7,1 millóns de euros.

Entre os 90 millóns de euros dos Plans de Rescate da Xunta para os hostaleiros da comunidade e os 31,2 millóns das distintas convocatorias de axudas destinadas ao sector turístico e aos concellos e entidades para actuacións relacionadas con este ámbito, a Administración autonómica leva investidos neste ano máis de 120 millóns de euros na reactivación do turismo galego.

Neste investimento inclúense os 16 millóns de euros do último paquete de axudas, con liñas dirixidas a apoiar o funcionamento das axencias de viaxes, á mellora das infraestruturas turísticas dos concellos de ata 10.000 habitantes, así como á adquisición de equipamentos poscovid como medidores da calidade de aire dos locais de hostalería e aloxamentos e o apoio en medidas de dixitalización e promoción destes negocios para captar visitantes.
 

Imaxes relacionadas