A Xunta salienta en Curtis o papel das mesas locais de coordinación contra a violencia de xénero para previr os casos e dar unha resposta áxil

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistiu hoxe á xuntanza da mesa de coordinación contra a violencia de xénero do concello coruñés

Estes órganos destacan pola inmediatez na resposta ante casos de violencia de xénero, a detección precoz e a formación en materia de igualdade dos axentes locais

A Xunta avoga polo reforzo destas mesas interinstitucionais e por potenciar a súa implantación nos 218 municipios que integran a Rede de entidades locais contra a violencia de xénero
 

Curtis (A Coruña), 26 de outubro de 2021

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, puxo en valor hoxe en Curtis o “importante papel” das mesas locais de coordinación contra a violencia de xénero, uns órganos interinstitucionais de “gran utilidade” para a detección precoz destes casos e para dar unha resposta áxil fronte a esta lacra social. López Abella presidiu hoxe a mesa local de Curtis, onde tamén indicou a importancia deste instrumento para a sensibilización no eido local en materia de igualdade.
Nestas mesas locais están representados todos os ámbitos municipais implicados, directa ou indirectamente, na loita contra a violencia de xénero, “co obxecto de procurar unha maior eficiencia da resposta ante a grave vulneración dos dereitos que supón esta lacra”, especificou López Abella. “A coordinación e a colaboración son as premisas fundamentais para unha atención máis áxil, eficiente e eficaz ás mulleres que ven vulnerados os seus dereitos por mor da violencia de xénero”, remarcou.

As mesas interinstitucionais constitúen, en palabras da secretaria xeral da Igualdade, un bo exemplo de coordinación entre a Administración autonómica e a Administración local. “A ambas as dúas únelles o compromiso de garantir a igualdade entre mulleres e homes, previr a violencia de xénero e favorecer as condicións de conciliación da vida persoal, familiar e laboral”.

O Goberno galego ten por obxectivo intensificar o traballo das mesas locais contra a violencia de xénero nos concellos que xa están constituídas e axudar á súa constitución naqueles concellos nos que aínda non a teñen creada. Esta posibilidade está aberta no caso dos 218 municipios que integran a Rede de entidades locais contra a violencia de xénero. Para favorecela, a Secretaría Xeral da Igualdade ten ao seu dispor cadanseus manuais de apoio, unha guía de carácter práctico para a constitución das mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero; e unha segunda guía dirixida á dinamización dos órganos existentes.

Contra a violencia sexual

Na reunión celebrada hoxe, presentouse o protocolo contra o acoso sexual do Concello de Curtis. Ao respecto, López Abella explicou que a violencia sexual, os abusos sexuais e o acoso sexual son formas de violencia de xénero na lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. “A Lei autonómica leva a dianteira e é moito máis ampla que a estatal neste recoñecemento”, engadiu, ao tempo que destacou que a Xunta seguirá incidindo na concienciación e sensibilización “poñendo o acento na prevención”.

“As mulleres deben saber que non están soas. E os agresores deben lembrar que atoparán sempre o rexeitamento frontal da administración galega e o rexeitamento unánime de toda Galicia”, indicou.

A Xunta combate esta forma de violencia mediante a sensibilización nas universidades galegas; coa intervención con mulleres e menores vítimas; na detección de situacións contra a indemnidade sexual (programa Dedaleira con Cogami e Acadar), coa publicación de guías contra a violencia sexual en nenas e mulleres con discapacidade; a través de campañas de prevención e detección das situacións de violencia nas comunidades veciñais e con formación do persoal dos Centros de Información á Muller (CIM). A Xunta, ademais, vén de publicar unha nova guía para a prevención e tratamento do acoso sexual e do acoso por razón de sexo nas pemes. O documento está dispoñible para todo o público en xeral na páxina web de igualdade laboral: www.aigualdadelaboral.gal.
 

Imaxes relacionadas