A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou os participantes

O Albergue Xuvenil Lug II acolle un intercambio de mozos de cinco países baixo o proxecto Erasmus + Rural Voces of Europe

Nesta última semana de outubro reúnense 30 mozas e mozos de Italia, Lituania, España, Serbia e Ucraína

Participan en actividades de convivencia que lles permiten compartir puntos de vista e experiencias coa finalidade de mellorar as súas habilidades en diferentes eidos

O Goberno galego destaca que esta iniciativa permitirá idear novas ideas emprendedoras no rural e loitar contra o despoboamento

Lugo, 26 de outubro de 2021.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou aos participantes que forman parte do intercambio que se está a celebrar no albergue xuvenil Lug II baixo o proxecto Erasmus + Rural Voices of Europe. Cristina Pichel puxo en valor este proxecto que servirá para idear novas iniciativas emprendedoras no rural e loitar contra a despoboación, un reto compartido a nivel europeo e no que Galicia tomou a dianteira en España coa Lei de impulso demográfico.

Nesta última semana de outubro reúnense nestas instalacións da rede pública autonómica de Galicia 30 mozas e mozos de Italia, Lituania, España, Serbia e Ucraína. Os participantes, vidos de zonas urbanas e de lugares rurais dos seus respectivos países, desfrutan de actividades de convivencia que lles permiten compartir puntos de vista e experiencias coa finalidade de mellorar as súas habilidades en diferentes eidos como o emprendemento.

Cristina Pichel puxo en valor encontros como este, impulsados polo proxecto europeo Erasmus +, que promove oportunidades de mobilidade á xuventude e apoia o diálogo e a formación non formal das mozas e mozos.

Imaxes relacionadas