A conselleira de Política Social, Fabiola García, participou hoxe na mesa '¿Cómo fomentar la cohesión intergeneracional en nuestra sociedad?'

Fabiola García sinala os centros interxeracionais e o voluntariado como ferramentas útiles para crear novos espazos de unión para mozos e maiores

Os centros interxeracionais de Ourense e Arteixo combinan nun mesmo espazo centro de día e escola infantil de xeito que nenos e maiores compartan momentos e actividades

No próximo ano crearase un novo programa para recoñecer a experiencia das persoas maiores denominado Talento Interxeracional

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou aos centros interxeracionais e ao voluntariado como ferramentas útiles para crear novos espazos de unión para mozos e maiores. Esta mañá participou na mesa ‘¿Cómo fomentar la cohesión intergeneracional en nuestra sociedad?’ do encontro Diálogo sobre o futuro do envellecemento.

Fabiola García sinalou que o Goberno galego puxo en marcha nos últimos anos diversas iniciativas para tratar de poñer en contacto as xeracións máis novas e ás persoas maiores de xeito que poidan “restituír canles de comunicación e aprender os uns dos outros”. Neste sentido, fixo referencia aos programas de voluntariado xuvenil e voluntariado sénior que permiten que colaboren e realicen proxectos en común.

Así mesmo, lembrou que se impulsou a creación dos centros interxeracionais de Ourense, Arteixo e proximamente en Vigo. Un modelo de instalacións pioneiro que ofrece servizos de centro de día e escolas infantil nun mesmo espazo. Deste xeito, nenos e maiores poden pasar tempo xuntos e compartir momentos e actividades que lles axuden a crecer xustos.

Talento Interxeracional

A conselleira tamén avanzou que no próximo ano crearase un novo programa denominado Talento Interxeracional que procurará recoñecer a experiencia das persoas maiores e compartila cos máis novos. Un programa que poñerá o foco de maneira especial nas zonas menos poboadas do noso territorio de xeito que se garanta o relevo xeracional tamén nestas zonas.

Imaxes relacionadas