O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou hoxe as instalacións de Galvintec en Vigo para coñecer o seu proxecto ‘Moodular’

A Xunta destaca o labor de empresas como Galvintec no impulso da competividade das pemes a través do comercio electrónico

Heredia pon en valor a importancia de traballar para contribuír ao desenvolvemento, dinamización, expansión e competitividade do pequeno comercio, ao mesmo tempo que avogou pola colaboración público-privada para seguir contribuíndo nesta evolución do sector

A última convocatoria de axudas do Goberno galego á modernización e dixitalización dos negocios chegou a 773 comercios que realizarán un total de 2329 actuacións coas que se mobilizarán 7,6M€

Vigo, 26 de outubro de 2021

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou esta mañá as instalacións de Galvintec, pertencente ao Grupo Alvariño, para coñecer o proxecto Moodular, unha plataforma de comercio electrónico orientada a pemes que permite tamén dar resposta á posta en marcha de marketplaces, mellorando así a súa competitividade ante os novos modelos de consumo.

O director xeral destacou a importancia deste tipo de iniciativas para impulsar a dixitalización do pequeno comercio para facelo así máis accesible e visible, ao mesmo tempo que avogou pola colaboración público-privada para seguir medrando nesta evolución do sector.
“Empresas como Galvintec, cunha ampla traxectoria profesional e unha gran aposta polas novas tecnoloxías, poden servir para establecer sinerxías cos pequenos produtores e comerciantes para axudarlles a introducir canles de venda que contribúan ao seu desenvolvemento, dinamización, expansión e competitividade”, indicou o director xeral de Comercio e Consumo, apuntando ás grandes vantaxes que supón o escaparate 4.0.
Así, recordou a aposta que está a facer a Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, na modernización e dixitalización dos negocios, indicando que a última convocatoria de axudas chegou a 773 comercios que realizarán un total de 2329 actuacións coas que se mobilizarán 7,6M€ para ofrecer aos clientes unha experiencia de compra única e adaptada aos novos hábitos de consumo.

Ademais, o director xeral fixo referencia ás liñas de axudas que se abriron para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos; para a revitalización do comercio de proximidade; para fomentar a comercialización e competitividade da artesanía; ou apoios para impulsar plataformas de marketplace.

Imaxes relacionadas