O CPETIG e a Xunta visibilzan o papel das mulleres tecnológas no documental ‘”Marxe de erro”

Presentouse hoxe no Centro GaiasTech no marco do Programa DigiTalent para poñer en valor a necesidade da presenza feminina nas carreiras tecnolóxicas e impulsar as vocacións femininas neste eido

Actualmente só o 30,4% das persoas empregadas no sector TiC son mulleres

É un sector cunha ampla demanda de perfís especializados e cun alto índice de emprego

Preto do 84% dos titulados galegos en carreiras STEM está incorporado ao mercado laboral nos dous primeiros anos tras rematar os estudos
 

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2021.- O centro GaiásTech da Cidade da Cultura de Galicia acolleu esta mañá a presentación do documental Marxe de erro, no que se amosa o perfil profesional de cinco mulleres tecnólogas. A iniciativa, enmárcase na colaboración entre o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) a través do Plan DigiTalent para promover as vocacións tecnolóxicas femininas.

Na presentación participaron a directora da Amtega, Mar Pereira; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; e o presidente do CPETIG, Marcos Mata. Ao encontro estaban convidados, tamén, alumnos de bacharelato STEMbach de centros educativos de toda Galicia.

30% de mulleres no sector TIC
Os últimos datos do Observatorio para a Sociedade da Información de Galicia (Osimga) sinalan que só o 30,4% dos traballadores do sector TIC galego son mulleres. Ademais, só 14,7% desenvolve tarefas especificamente TIC, fronte ao 49,3% dos homes e a porcentaxe de empresas TIC galegas conta con mulleres en postos de dirección sitúase no 14,3%.

A directora da Amtega sinalou que é evidente que queda camiño por percorrer para reducir a fenda de xénero no sector tecnolóxico, ávido de novos especialistas e con moitas posibilidades profesionais. Lembrou que a Estratexia Galicia Dixital 2030 contempla a promoción do talento dixital como un eixo transversal que, por suposto, ten entre os seus obxectivos a redución da fenda de xéneno nas carreiras STEM e como consecuencia no sector tecnolóxico.


Preto do 75% das persoas tituladas STEM traballa en Galicia
Ademais Pereira apuntou algunhas cifras relativas ao emprego dos titulados en carreiras STEM en Galicia como que oito de cada dez egresados volvería a cursar a mesma titulación; que 83,6% está incorporado ao mercado laboral nos dous primeiros anos tras rematar os seus estudos e que o 74,8% das persoas tituladas STEM desenvolven a súa traxectoria profesional en Galicia.

A directora da Amtega destacou que en Galicia “queremos promover e reter talento para afrontar os desafíos da transición dixital. O talento non ten xénero e non podemos permitir que ningunha vocación quede polo camiño”

Iniciativas como a de hoxe visibilizan e difunden referentes e por iso Mar Pereira quixo agradecer especialmente a colaboración de Berta Candendo, Susana Ladra; Susana Gómez, Verónica Bolón e Silvia Piñeiro, as profesionais que participaron no documental Marxe de erro.

Imaxes relacionadas