O grupo Mevadeus de Santiago gaña o primeiro premio Xuventude Crea 2021 na categoría de teatro

O segundo premio foi para o grupo As catro, de Vigo, por Que rima con Chomsky? e o terceiro para Xebra, tamén de Vigo, por Irremediablemente soa

Cada unha das especialidades conta cun premio para os tres primeiros clasificados de entre 3.000 e 1.000 euros

Este ano Xuventude Crea inclúe 14 categorías distintas nas que participar que van desde artes plásticas, cociña e música, ata novela curta ou deseño de xoias

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2021

O grupo Mevadeus, de Santiago de Compostela, foi o gañador do primeiro premio Xuventude Crea 2021 na categoría de Teatro, unha das catorce especialidades do certame. A fase final celebrouse esta pasada fin de semana no Salón Teatro da capital galega e a ela chegaron seis grupos finalistas dos once que se presentaron este ano.

A obra que recibiu o primeiro galardón tiña por título Agro 5G. O segundo premio foi para o grupo As catro, de Vigo, pola súa interpretación da obra Que rima con Chomsky?. En terceiro lugar situouse o grupo Xebra, tamén de Vigo, por Irremediablemente soa. Cada un destes premios ten unha gratificación económica: o primeiro, de 3.000 euros; o segundo, de 1.500; e o terceiro, de 1.000 euros.

O resto de obras finalistas foron: Vicus Teatro, de Mos, con Entre un par de maletas a medio abrir e as agullas do reloxo; Lohengrin Teatro, de Vigo, con A mirada das bolboretas; e Mutismoa teatro de Pontevedra con Romeo e Xulieta. Un ensaio sobre a frustración.

Videocreación e videoxogos

Esta fin de semana coñecéronse os gañadores nas categorías de videocreación e videoxogos durante o encontro Mo_cidade, celebrado o venres e o sábado na Cidade da Cultura. Na modalidade de videocreación, o primeiro premio foi para Aarón Vilariño Figueiras, de Santiago de Compostela, pola obra Peixe; o segundo, para Vulgaris de Mario Fernández Filloy, do Carballiño; e o terceiro foi compartido entre Juan Rodríguez Bas, de Gondomar, con O principio do movemento e para Alba Rodríguez Villar, de Cedeira, con Quebec delta.

Pola súa banda, nesta segunda edición da categoría de creación de videoxogos o primeiro premio recaeu en Misery, de Hopless Productions, feito por Manuel Silva e Pedro Peteiro, de Oleiros; o segundo foi para Valico, the grim world de Team Valico, feito por Iván Fernández e Luis D.Lobo de Vigo; e o terceiro foi para Underworld de Osfados, por Alba Paz e Alison Dieste, de Cambados.


Catorce categorías

Esta iniciativa trata de fomentar a creatividade da xuventude galega, facilitando a promoción e a difusión da súa obra. Nesta edición poderán participar, un ano máis, os mozos e mozas non profesionais con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2021.

Son un total de 14 as categorías propostas nesta edición, que abranguen desde a creación de videoxogos e videocreación, xa premiados; ata novela curta, cociña, teatro, artes plásticas, fotografías, música, poesía, banda deseñada ata graffiti, deseño de xoias, moda e danza.