A Xunta realizará mañá un simulacro de activación do Plan de Emerxencia Exterior das instalacións da empresa Foresa no porto de Vilagarcía

Simularase un verquido de metanol pola rotura do brazo de carga dun camión cisterna

Santiago de Compostela 26 de outubro de 2021

A Xunta, en colaboración coa empresa Foresa, a Autoridade Portuaria do Porto e o Concello de Vilagarcía, realizará mañá un simulacro de activación do Plan de Emerxencia Exterior das instalacións que ten a empresa no porto. Con esta actuación pretendese probar a coordinación de todas as entidades nas actuacións a desenvolver en caso de emerxencia real co obxectivo de garantir unha rápida resolución.
No simulacro simularase un verquido de metanol pola rotura do brazo de carga dun camión cisterna e participarán preto de 30 persoas. Ademáis de persoal da empresa, da Dirección xeral de Emerxencias e Interior e da Autoridade Portuaria, está prevista a mobilización de efectivos do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento do Consorcio de Pontevedra, Policía Portuaria, Policía Local, Garda Civil e do Servizo Municipal de Protección Civil do Concello de Vilagarcía.

Máis aló dunha maior presenza de medios de emerxencias na zona e os controis establecidos nas inmediacións do porto, non se prevé que se vexa afectado o normal desenvolvemento das actividades das empresas da contorna. No obstante, nos centros de traballo máis próximos ás instalacións de Foresa procederase a confinar de forma simultánea aos traballadores.

A Xunta destaca a importancia da aposta pola prevención como mellor ferramenta de resposta ante as posibles emerxencias.