A Xunta aposta pola calidade diferenciada que ofrecen a agricultura e a gandaría ecolóxicas para aumentar a rendibilidade do sector agroalimentario

José Luis Cabarcos fixo fincapé no valor que presentan no mercado o leite ou a carne ecolóxicos, dado que cada vez máis consumidores se interesan por un xeito de producir máis sustentable e respectuoso co medio ambiente

Ao tempo, apuntou ás posibilidades que ofrecen os distintos mecanismos de mobilización da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, para xerar actividade agraria rendible con orientación ecolóxica

Lembrou que a Xunta destinou este ano 600.000 euros aos consellos reguladores dos selos de calidade galegos para apoiar o seu funcionamento e outros 200.000 € para a nova participación en réximes de calidade, cun total -neste caso- de 711 beneficiarios
 

Lugo, 25 de outubro de 2021

A Xunta aposta pola calidade diferenciada que ofrecen a agricultura e a gandaría ecolóxicas como vía para aumentar a rendibilidade do sector agroalimentario galego. Así o destacou o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, que clausurou hoxe un curso convocado en Lugo para animar á incorporación á produción ecolóxica, como parte dunha serie de iniciativas formativas impulsadas en colaboración co Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).

Así, o director da Agacal puxo en valor este xeito de producir máis sustentable e respectuoso co medio ambiente que cada vez conta con máis aceptación no mercado, a través de produtos como o leite ou a carne ecolóxicos. Nesa liña, recordou as posibilidades que ofrecen os distintos instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia -nomeadamente, as aldeas modelo, os polígonos agroforestais e as agrupacións de xestión conxunta- para promover nova actividade agraria rendible, neste caso, con orientación ecolóxica.

No marco do apoio da Xunta ás producións agroalimentarias galegas de calidade, José Luis Cabarcos lembrou tamén que este ano se destinaron 600.000 euros a asegurar o funcionamento dos consellos reguladores das denominacións de orixe e das indicacións xeográficas protexidas da comunidade, para apoiar as súas funcións como garantes do control, da certificación e da promoción destas producións. Así mesmo, consignáronse 200.000 euros para sufragar a nova participación de agricultores e gandeiros en réximes de calidade, contabilizándose un total de 711 beneficiarios aos que lles serán aboados os custos fixos ocasionados polas pertinentes inscricións, así como a cota anual de participación, durante un período máximo de cinco anos.

Organizado precisamente pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, o curso celebrado hoxe no edificio multiusos da Xunta en Lugo tiña como obxectivo proporcionar nocións básicas para afrontar os retos da produción ecolóxica nos distintos tipos de explotación. Así, no programa constaban contidos sobre a certificación ecolóxica, sobre a inscrición no Craega e sobre a normativa e aspectos técnicos a ter en conta, así como sobre as axudas ás que poden optar os produtores con este tipo de orientación.

Imaxes relacionadas