A Xunta presenta en Pontevedra o Bono Cultura para colaborar na reactivación deste sector coa mobilización de 4 M€ este ano

O delegado territorial, Luis López, informa da iniciativa na Libraría Cronopios, que é un dos establecementos participantes, e convida aos pontevedreses a “gozar da cultura e colaborar cun sector que conforma a nosa identidade e constrúe Galicia”.

Os establecementos ou empresas interesadas no programa poden adherirse ata o 18 de novembro, mentres que os usuarios, que se beneficiarán de descontos do 50% ata alcanzar os 50 euros, poderán empregar estas axudas dende o vindeiro luns

A medida oriéntase á adquisición de produtos musicais e audiovisuais, libros, videoxogos e entradas para cine, concertos, espectáculos escénicos ou institucións culturais
 

Pontevedra, 25 de outubro de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, presentou esta mañá en Pontevedra o Bono Cultura, unha iniciativa impulsada para colaborar na reactivación do sector tras a parte máis dura da crise da covid-19 e que pretende mobilizar 4 millóns de euros no que resta do presente ano.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou da iniciativa nunha visita á Libraría Cronopios, que é un dos oito establecementos da capital provincial que xa confirmaron a súa participación, e convidou aos pontevedreses a “gozar da nosa cultura, beneficiándose destas axudas da Xunta, e a colaborar cun sector que é fundamental porque conforma a nosa identidade e constrúe Galicia”.
En canto ao desenvolvemento do programa Bono Cultura, os establecementos, empresas ou axentes culturais interesados en adherirse poden facelo ata o vindeiro 18 de novembro, a través da web www.bonocultura.gal. Poden inscribirse todas as persoas físicas ou xurídicas que teñan como obxecto da súa actividade o de venda ao consumidor de produtos e bens culturais, que desenvolvan a súa actividade en Galicia reunindo as condicións legalmente establecidas para o exercicio da súa actividade, os centros ou locais públicos ou privados destinados á exhibición de produción cultural (salas de cine, teatros e auditorios, salas de concertos, salas de exposicións, etc.), os museos, casas-museo ou asimilados, tanto de titularidade pública como privada, así como asociacións, entidades e fundacións de carácter cultural, tanto públicas como privadas, que ofrezan produtos culturais.
No caso de establecementos privados, deben estar dados de alta nalgún dos grupos ou epígrafes do IAE recollidos no anexo I da orde publicada no Diario Oficial de Galicia o 18 de outubro. Os titulares dos establecementos adheridos recibirán cunha periodicidade

semanal, na conta bancaria indicada, a cantidade equivalente aos bonos trocados no seu establecemento e, ademais, o nome comercial e a localización dos establecementos adheridos ao programa Bonos Cultura faise público na web www.bonocultura.gal
No caso dos cidadáns que queiran beneficiarse dos descontos, deberán ser maiores de idade e residir en Galicia, e poderán inscribirse a partires do vindeiro luns, 1 de novembro, a través da páxina web www.bonocultura.gal. Deberán descargalo a partir desa data nesa web en formato dixital a través dun código QR e poderán gastalo ata o 31 de decembro. Terán descontos do 50% en cada produto cultural adquirido ata chegar a un máximo de 50 euros por usuario.
Os produtos culturais susceptibles de beneficiarse destes descontos son formatos físicos de música e pezas audiovisuais, libros, videoxogos, entradas para cine, concertos, espectáculos escénicos ou institucións, como museos, ou calquera ben cultural.
Esta iniciativa conta cun orzamento inicial de case 2 millóns de euros, polo que poderá beneficiar a un máximo de 39.000 persoas e inxectará ata 4 millóns de euros no sector cultural ata finais de ano. Ata o momento xa se inscribiron un total de 91 establecementos da provincia de Pontevedra e preto de 300 en toda Galicia.
 

Imaxes relacionadas