A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañou ás empresas marítimo-pesqueiras no certame agroalimentario que acolle a cidade de Milán

Galicia amosa a aposta pola promoción exterior da súa cadea mar-industria na feira italiana Tutto Food

A Consellería do Mar prevé no proxecto de orzamentos de 2022 o investimento de máis de nove millóns de euros, 500.000 euros máis ca este ano, para actuacións relacionadas coa mellora da comercialización dos produtos do mar e coa internacionalización do sector

A Xunta participa no certame de Milán cun posto de 180 metros cadrados de superficie que acolle a oito entidades coexpositoras vencelladas co ámbito marítimo-pesqueiro e que promociona os peixes e mariscos galegos coa campaña GALICIA SABE AMAR

Milán (Italia), 25 de outubro de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe a feira Tutto Food, que acolle a cidade de Milán ata mañá, para apoiar ás empresas galegas da cadea mar-industria que acoden a este certame de agroalimentación na busca de novas oportunidades de negocio. Alí a titular de Mar destacou a necesidade de espallar o bo saber facer dos profesionais do sector marítimo-pesqueiro e a calidade dos peixes e mariscos galegos. Nesta liña, sinalou que a presenza de Galicia en feiras como a de Milán reflicte a aposta pola promoción exterior dos produtos do mar.

Un obxectivo, subliñou Rosa Quintana, que Galicia seguirá impulsando de cara ao ano que vén pois o proxecto de orzamentos de 2022 da Consellería do Mar prevé o investimento de máis de nove millóns de euros, 500.000 euros máis ca este ano. Con este aumento o Executivo galego busca blindar as actuacións que teñen que ver coa mellora da comercialización dos produtos do mar, coa internacionalización do sector e coa promoción exterior.

Isto permitirá avanzar na posta en valor dos produtos do mar en eventos internacionais como Tutto Food ou o Salón Gourmets, no que Galicia estivo presente hai uns días, e que comezan a retomar a súa axenda tralas dificultades derivadas da alerta sanitaria polo coronavirus.

A Consellería do Mar participa na feira italiana cun posto de 180 metros cadrados de superficie que acolle a oito entidades coexpositoras vencelladas ao complexo mar-industria de Galicia e que son: Albo, Videmar, Pereira, Salgado Congelados, Lanzal, a Organización de Palangreiros Guardeses (Orpagu), Marfrío e Frigoríficos Iberport.

Neste posto, a Xunta realiza a difusión da calidade dos produtos do mar galegos baixo o paraugas da campaña GALICIA SABE AMAR, que incide na importancia de consumilos e na gran variedade de peixes e mariscos da máxima calidade que o complexo mar-industria de Galicia pon a disposición da cidadanía.

A feira Tutto Food é a quinta feira na que este ano está presente a Consellería do Mar. Deste xeito, a comunidade galega recupera pouco a pouco a súa presenza nos encontros deste tipo, tralo parón derivado das restricións da pandemia da covid-19, e no 2022 prevé promocionar a calidade dos produtos do mar en arredor dunha ducia de feiras nacionais e internacionais como a de Milán.

Tutto Food Milán

A feira internacional italiana é de carácter bienal e está considerada o maior evento alimentario e o máis importante de carácter multisectorial de Italia. Nela as empresas manteñen encontros para ampliar o seu mercado, reforzar a acción comercial e axudar a pechar alianzas coas que abrir novas liñas de negocio.

Está centrada en produtos tradicionais e tendencias emerxentes de consumo e estrutúrase en catro sectores. Un de conxelados -entre eles de produtos do mar- e outra parte está dedicada ao peixe afumado, seco, en conserva e fresco e tamén ao marisco procesado e envasado. Ademais conta cunha terceira parte dedicada á pasta e unha cuarta relacionada con comestibles, como fariñas, caldos e sopas, encurtidos, froitos secos, ovos e cereais, entre outros. A maiores inclúe un programa de actividades con demostracións de cociña, presentacións de produtos e xornadas relacionadas coa alimentación.

Imaxes relacionadas